El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Amessan despediu o curso con actuacións e unha exposición

Durante o evento desfrutaron de varias agrupacións de música tradicional // Puideron ver tamén unha mostra coas pezas elaboradas no obradoiro sobre manualidades // Participaron preto dun centenar de persoas na festa

Un momento da actuación dun dos grupos de música tradicional participantes - FOTO: C. A.
Un momento da actuación dun dos grupos de música tradicional participantes - FOTO: C. A.

A. PRADA   | 12.07.2019 
A- A+

O programa Amessan trátase dunha iniciativa de envellecemento activo destinada ás persoas maiores de 60 anos ou con algunha discapacidade, que inclúe actividades como ximnasia terapéutica, manualidades e obradoiros de música tradicional e de memoria. É por conseguinte unha aposta do Concello para mellorar a calidade de vida da veciñanza de máis idade. O curso 2018-19, que vén de rematar, estendeuse entre os meses de outubro e xuño, e nel participaron preto de 500 persoas.

Hai uns días celebraron na casa da cultura de Bertamiráns unha festa de fin de curso á que acudiron preto dun centenar de persoas. Entre elas, moitos dos asistentes ás actividades e varios represententes da corporación municipal. Durante o evento os participantes puideron gozar das actuacións dos grupos de pandeireta de Ameixenda, Bugallido, Lens e Trasmonte. Cada un deles tocou catro pezas propias, ademais de dúas comúns. A agrupación de Ameixenda interpretou as pezas Xota e muiñeira de Pigarzos, Pasodoble de Gargamala, Canto de Carantoña e Punteada de Folgoso, e Muiñeira de Toutón; mentras que Bugallido tocou Danza e valse das Cortellas, Canto de Barilongo, Pateado da Ponte e Muiñeira do Canizo.

Pola súa banda, Lens executou Ribeirada de Lira, Canto e danza Painceiros, Aña de Xabazáns e muiñeira, e Xota de Liñares. Asemade, o grupo de Trasmonte interpretou Canto e muiñeira de Reboredo, Xota e pasodoble de Berdeogas, Pandeiretada de Outes e Xota e pasodoble de Liñares. No tocante ás pezas conxuntas, os membros dos catro grupos executaron Foliada de Nadela e Muiñeira corrida de Carballo. Ademais da música tradicional os participantes puideron ver tamén a exposición de pezas elaboradas nos obradoiros de manualidades

O acto caracterizouse asemade pola emotividade, que chegou ao seu punto álxido coa entrega de ramos aos monitores e voluntarios encargados de impartir os obradoiros ao longo do curso. Proxectouse asemade un vídeo-resumo das actividades e do alumnado que formou parte do programa durante os nove meses de curso. O evento rematou cunhas emotivas palabras por parte da antiga concelleira de Voluntariado, Isabel González.

Luísa Feijóo, actual concelleira de Benestar Social, que inclúe o departamento de Voluntariado, resaltou o pulo que se lle quere dar a estas actividades para os vindeiros cursos. Así, a concelleira sinalou que “aínda que o noso Concello é moi novo, non nos podemos esquecer da poboación que xa supera a barreira dos 50. Temos que ter en conta as súas necesidades e demandas ofrecéndolles alternativas de ocio e envellecemento activo que sexan atractivas e, ao mesmo tempo, que os manteñan activos, tanto para o rural como para Milladoiro e Bertamiráns”. Asemade, a concelleira lembrou que “podemos seguir aprendendo deles xa que teñen moito que ensinar e que ofrecer”.

Amessan desenvolve iniciativas saudables para todos os veciños da terceira idade e é todo un incentivo para que este sector da poboación saia da casa e se anime a socializar un pouco. De feito, para fomentar a asistencia dos maiores de todo o concelllo, as clases e obradoiros desenvólvense nas casas de cultura de Bertamiráns e do Milladoiro e nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira e Trasmonte.

Os que desexen anotarse para o vindeiro curso deben saber que para participar non se precisa inscripción previa, basta con presentarse o primeiro día de clase no local onde se impartan as actividades co documento de identidade e cubrir unha ficha para formalizar a sua asistencia.