El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Área beneficiarase do Plan de Emprego Local dirixido á mocidade

Aprobáronse dúas novas liñas que buscan potenciar proxectos empresariais nos concellos máis pequenos // Están dirixidas aos menores de trinta anos

Valentín González Formoso, durante o pleno de onte - FOTO: D.A.C
Valentín González Formoso, durante o pleno de onte - FOTO: D.A.C

C. ESTÉVEZ   | 03.12.2019 
A- A+

O pleno da Deputación da Coruña aprobou onte dúas novas liñas do Plan de Emprego Local (PEL) co obxectivo de pór en marcha proxectos empresariais e de crear emprego para a mocidade nos concellos máis pequenos e rurais da provincia. As novas liñas que se desenvolveraán son o PEL-Rurinnova e o PEL-Relevo e suporán un investimento de 918.000 euros, cofinanciados nun 91 % polo Fondo Social Europeo (FSE). Teñen como finalidade apoiar a inserción laboral, o autoemprego e o emprendemento entre os mozos de menos de 30 anos dos municipios cunha poboación inferior aos 5.000 habitantes, ou naqueles con menos de 10.000 que teñan un saldo demográfico negativo na última década. No caso de Área son un total de 34 os concellos que se beneficiarán desta iniciativa da Deputación.

O programa PEL-Rurinnova está dotado con 486.000 euros e financiará a posta en marcha de 60 proxectos empresariais innovadores. O PEL-Relevo terá un orzamento de 432.000 euros para incentivar a contratación de oitenta mozos de forma indefinida e a tempo completo, tendo a obriga de mantelos un mínimo de seis meses. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, explicou que desde a posta en marcha do PEL, a aprobación de plans "con financiamento europeo que benefician ao rural coruñés ten sido unha constante habitual e actualmente atópanse catro en fase de desenvolvemento e execución". Entre eles destaca o PEL-Emprego Sostible No Eido Rural, cun orzamento de 5,3 millóns de euros cofinanciados polo FSE. O fin é mellorar a inserción sociolaboral de 855 persoas en situación ou risco de exclusión social. Outras accións destacadas son o proxecto EIXO (Estratexia de Insercción Xove) ou AMAdeira, que pon en valor o castiñeiro en Cerdido e en Ortegal.

No pleno tamén se aprobou un orzamento de 1,1 millóns de € para mellorar a seguridade vial e humanización en Salgueiros (Dumbría) e na Travesía de San Campio (Outes). Asemade, resaltar entre as obras conveniadas o proxecto de reasfaltado e derivación de pluviais na rúa Teresa Fabeiro de Negreira, por un importe total de 190.906 euros.

{ A OLLADA }

Incentivar a contratación

non pode menos que aplaudirse a posta en marcha de iniciativas coma as do Plan de Emprego Local da Deputación. Sempre resulta unha boa inversión dirixir os esforzos a fomentar a empregabilidade entre os máis novos, onde o paro é máis acentuado. A isto hai que engadir que a iniciativa busca, a parte, promover o traballo no rural e animar a que a mocidade emprenda no seu propio municipio. Unha moi boa forma de dar vida aos concellos máis pequenos da provincia. Por outra banda, hai que engadir que o PEL conta cun orzamento dirixido a impulsar a contratación, polo que vai máis alá da formación e dalles unha oportunidade real.

O PROTAGONISTA

Valentín González

Presidente da Deputación

"atopar traballo no rural"

Con estas dúas novas liñas, dende a Deputación actívanse "dous novos programas do PEL orientados a enfrontar a perda de poboación do rural coruñés, que será unha das liñas estratéxicas da acción do Goberno provincial nos vindeiros anos", anunciou González Formoso. "Ambas as dúas liñas pretenden facilitar que a mocidade poida atopar oportunidades laborais ou crear a súa propia empresa sen ter que abandonar o rural", indicou. E é que PEL-Rurinnova e PEL-Relevo fomentan o autoemprego e o emprendemento entre os máis novos dentro dos seus municipios.