El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Área recibe 46.000 euros para contratar persoal de turismo

Optaron a estas axudas os municipios declarados como xeodestinos // Realizarán as súas tarefas durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro // Na Coruña destinaron máis de 72.000 € entre 14 concellos

Fachada da Oficina de Turismo de Galicia, ubicada en Santiago de Compostela - FOTO: X.C.
Fachada da Oficina de Turismo de Galicia, ubicada en Santiago de Compostela - FOTO: X.C.

A. PRADA   | 22.05.2019 
A- A+

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, vén de informar da resolución da convocatoria de axudas da Axencia de Turismo de Galicia, a contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos declarados municipios turísticos e dos xeodestinos galegos, para o que destinará un total de 300.000 euros para toda a comunidade. A provincia da Coruña recibirá máis de 72.000 euros, repartidos entre catorce concellos. Deles, a Área correspóndenlle 46.128 €

A esta liña de subvencións ás entidades locais optaron os que contan coa declaración de municipio turístico e tamén xeodestinos, que deberán estar representados por agrupacións de concellos ou por mancomunidades e consorcios locais de Galicia que teñan atribuídas competencias en materia de turismo.

O persoal contratado ao amparo destas achegas realizará as súas tarefas durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Estas axudas tramitáronse en réxime de concorrencia non competitiva, por rigorosa orde de entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. A convocatoria deste ano quedaba aberta o pasado 22 de xaneiro e os interesados tiveron de prazo ata o 22 de febreiro para presentar as súas solicitudes. O ano pasado colaboraron con preto de medio cento de entidades locais.

En Área conseguiron estas subvencións Muros, que se fixo con 5.200 euros; A Pobra do Caramiñal, que obtivo idéntica cantidade; Ribeira, que percibiu tamén 5.200 euros; e a agrupación Outtes, Lousame, Muros, Noia e Porto do Son acadou 5.181. En total para o Barbanza foron a parar 25.981 euros.

No caso de Costa da Morte leváronse unha cifra de 14.947 euros. Para Laxe foron 4.547 euros, para Fisterra 5.200 e a mesma cantidade foi para Corcubión. Na área santiaguesa o beneficiado foi Padrón, que se fixo cun importe de 5.200 euros.

 


XEODESTINOS A actual estratexia de Turismo Galicia 2020 contempla os xeodestinos como cadea de valor da actividade turística. Nestes momentos existe un mapa de catorce xeodestinos que busca recoller as singularidades dos territorios recoñecendo ás áreas cunha importancia turística consolidada. Esta ferramenta busca unha ordenación turística de Galicia e un aumento da estadía media dos visitantes que chegan á comunidade. A idea que busca a Xunta con este proxecto, que viu a luz en 2011, é establecer canais de cooperación entre axentes públicos e privados para racionalizar as inversións e os recursos económicos.

Trátase dunha ferramenta que profundiza na diversificación turística e que "converte a Galicia nun destino único, aínda que non uniforme", segundo explican dende o Executivo galego.

{ A OLLADA}

Destino vacacional

AGORA QUE CHEGAN os meses de verán toda axuda é necesaria para facer de Galicia un destino apetecible no que pasar as vacacións. Unha vez máis a Axencia de Turismo galega, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, resolveu as subvencións para os municipios declarados como xeodestinos. Subvencións que dende logo supoñen un bo impulso, turisticamente falando, para os concellos que as recibiron, xa que poderán contratar persoal nas súas oficinas durante os catro meses fortes. Este sector ten gran importancia na nosa economía polo que non debe escatimarse en axudas neste senso, senón reforzalas. Benvidas sexan.

O PROTAGONISTA

Ovidio Rodeiro

Delegado da Xunta na Coruña "Hai que manter a calidade"

O delegado territorial destacou que "con estas axudas dase continuidade ao compromiso da Consellería de Cultura e Turismo de colaborar co impulso turístico das entidades locais e de mellorar a atención que reciben os visitantes", indicou. "Grazas a estas achegas garántese o mantemento da calidade de servizo da información turística", puntualizou. O persoal que se contrate para estas oficinas deberá ser cualificado, estar en posesión de títulos de información e comercialización ou técnico superior en guía; información e asistencia; técnico en empresas; grao de diplomatura en Turismo ou equivalente homologado.