El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Artesanía, historia, música e patrimonio para animar a ponte na Costa da Morte

Broken Peach inaugurou o Poboado Mariñeiro de Corme // Vimianzo e Zas invitan a visitar o castelo e as Torres do Allo

O alcalde de Ponteceso, Lois García, terceiro esquerda, na presentación do Poboado Mariñeiro de Corme - FOTO: ECG
O alcalde de Ponteceso, Lois García, terceiro esquerda, na presentación do Poboado Mariñeiro de Corme - FOTO: ECG

JOSÉ M. RAMOS   | 06.12.2018 
A- A+

A Costa da Morte ofrécese como destino turístico cultural nesta ponte da Constitución e convida a gozar da súa artesanía, historia, patrimonio e tamén de concertos musicais e actividades infantís, entre outras múltiples actividades.

En Corme (Ponteceso), comezou onte o primeiro Poboado Navideño Mariñeiro que, ata o domingo día 9, acolle máis de vinte postos no mercado artesán, animación de rúa, ambientación navideña, concertos, e actuacións infantís.

O grupo Broken Peach abriu onte o ciclo de actuacións e hoxe Paty Lesta & The Hits animarán a sesión vermú (14.00 horas). Pola tarde, Teatro Ó Cubo presenta Ghop (17.30 horas) e Adhara and Ritman porán música á velada (22.30 horas). Ademais na Praza do Pan haberá postos de mel, xoguetes, traballos das redeiras, xoiería.... e tamén un espazo para a concellería de Turismo no que a Confraría de Pescadores de Corme venderá o calendario ilustrado con imaxes dos percebeiros locais.

Mañá actuarán Martiña soñadora (17.30 horas), A banda de Balbina (22.30 horas). O sábado a sesión vermú estará animada por Son Boleros (14.00 horas), Larraitz Urruzola presentará O Crebanoces e a Gallaecia Small Band actuará pola noite (22.30 horas). A xornada de peche do poboado, o domingo día 9, estará animada por The Lakazans (14.00 horas), e pola presentación do libro de poemas ilustrados A fiestra dos soños (17.30 horas).

En Vimianzo, o castelo vivirá o sábado día 8, unha xornada especial con propostas de decoración enxeñosas por parte dos artesáns da Mostra de Artesanía en Vivo. Ademais amplíase o horario de apertura ata as 21.00 horas, repartirase chocolate e poderase subir á muralla do castelo de noite. Para iso haberá visitas en grupos reducidos. Durante a ponte amplíase tamén o servizo de visitas guiadas. De xoves a domingo serán ás 12.00 e 17.00 horas no castelo, e ás 11.00 e 16.00 horas nos Batáns do Mosquetín.

Tamén as Torres do Allo (Zas) amplían o seu horario. Dende hoxe e ata o domingo o pazo estará aberto de 11.00 a 19.00 horas, e haberá visitas guiadas ás 13.00 e 17.00 horas.