El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Artistas de catro países no Rexenera Fest de Carballo

Situarán á capital de Bergantiños no mapa da arte urbana mundial do 27 de maio ao 9 de xuño // Os seis convidados aumentarán o museo ao aire libre // Haberá seminarios, masterclass, microconferencias, música e rutas

Acto de presentación do quinto festival internacional Rexenera Fest, onte en Carballo - FOTO: ECG
Acto de presentación do quinto festival internacional Rexenera Fest, onte en Carballo - FOTO: ECG

JOSÉ M. RAMOS   | 22.05.2019 
A- A+

Carballo converterase do 27 de maio ao 9 de xuño en capital da arte urbana mundial con motivo do Festival Internacional de Arte Pública Rexenera Fest, que cumpre cinco anos. Xuntará a seis artistas de catro países para seguir aumentando o museo ao aire libre no que se ten convertido a capital de Bergantiños.

Este ano aumentouse a duración dunha semana a 15 días para continuar dando sentido aos obxectivos do proxecto Derrubando muros con pintura e converter a Carballo nun punto de referencia da cultural urbana e da arte contemporánea, e seguir dando vida ao recurso turístico da vila con máis solicitudes de visitas guiadas.

Os convidados nesta edición son Millo, de Italia; SATR, de China; Milu Correch, de Arxentina; Pichiavo, de Valencia; Marina Capdevila, de Barcelona, e Lidia Calo, de Ordes. "Unha escolma dos mellores muralistas do momento para situar a Carballo no mapa da arte urbana mundial", aseguran dende o Concello, que onte presentou o festival nun acto presidido polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira.

O italiano Millo ten unha extensa obra en rúas de Roma, Milán, Bolonia, Florencia, Río de Xaneiro, Londres, Luxemburgo, París e Barcelona, e mestura nun mundo arquitectónico de branco e negro figuras xigantes de humanos con aspecto de nenos, "marcando dalgunha maneira a inxenuidade humana". Pola súa banda, SATR, que pintará na Avenida da Cristina, crea as súas obras utilizando diferentes tipos de ideas e inspiracións ao redor das súas propias experiencias vitais.

O dúo artístico valenciano Pichiavo, que traballará na rúa Luis Calvo, é recoñecido pola súa habilidade para crear relacións entre arte, arquitectura, escultura, espazo e contextos sociais, adoptando un enfoque atractivo e performativo.

A catalana Marina Capdevila recuperará un muro da Avenida de Bergantiños e inspírase na beleza que non segue os cánones habituais, como persoas maiores ou personaxes eternos perdidos nunha sociedade na que teñen dificultade para comprender.

Representando a Galicia, a ordense Lidia Cao plasmará a súa creatividade na rúa Vila de Negreira. Encantálle crear o volume a través de simples liñas. A súa paleta é en gran parte monocromática, utilizando tamén cores desaturadas e pouco estridentes.

Como en edicións anteriores, o Rexenera Fest complementarase con variadas actividades gratuítas que van dende seminarios a masterclass, microconferencias, música en directo, rutas guiadas ou a posibilidade de ver día a día o traballo dos creadores, que van construíndo da nada imaxes fantásticas, críticas ou simplemente fermosas.

Así, a artista china SATR impartirá unha masterclass de aerosol para persoas con formación artística e en muralismo, os días 1 e 2 de xuño. Haberá tamén muralismo para nenos e nenas (4 e 5 de xuño), conferencias sobre arte urbana e unha festa de peche coas bandas Néboa, High Paw, Boyanka Kostova e un DJ (8 de xuño). Pechará o festival un roteiro guiado que sairá do Fórum Carballo (9 de xuño).