El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Arzúa, máis cerca de Santiago coa apertura da nova autovía

Onte quedaba aberto o tramo ata Lavacolla da A-54 // Este novo treito aumentará a seguridade vial e reducirá os tempos de viaxe entre as localidades // A conselleira Ethel Vázquez lamenta que non se puxese a funcionar hai tempo

Imaxe do treito Arzúa-Lavacolla, que comezou a funcionar onte dende as 14.00 horas - FOTO: C.G.
Imaxe do treito Arzúa-Lavacolla, que comezou a funcionar onte dende as 14.00 horas - FOTO: C.G.

ALBA PRADA   | 25.05.2019 
A- A+

Onte ás 14.00 horas da tarde, e non ás 18.00 como estaba previsto, quedaba aberto ao tráfico o tramo Arzúa-Lavacolla da autovía A-54 entre Lugo e Santiago. Púñase así en marcha por fin este traxecto de alta capacidade que foi adxudicado xa no 2009 e que previsiblemente se ía pór en funcionamento no 2012. O novo treito vai aliviar de tráfico pesado á estrada N-547, paralela ao Camiño Francés a Santiago, posto que os vehículos que empregaban esta carretera pasarán a transitar pola autovía, que conta con saídas en Arzúa, O Pino e Lavacolla.

As melloras que esta actuación vai traer á veciñanza son dende logo importantes, xa que suporá unha reducción de 15 minutos respecto ao tempo de recorrido actual pola N-547. Pero á parte disto, hai que destacar unha maior seguridade tanto para os peregrinos que transitan a estrada como para os propios condutores. E é que esta vía soporta diariamente unha circulación masiva de camiñantes, o que unido a un trazado cheo de curvas, cambios de rasante e travesías urbanas, se traduce moitas veces en atropellos e colisións. O novo traxecto soportará agora aos vehículos e os peregrinos poderán empregar a N-547 con tranquilidade, mentres que os condutores non terán que preocuparse máis dos perigos da mesma.

Con 18,5 quilómetros de lonxitude, o tramo iniciarase ao oeste de Arzúa e finaliza en Lavacolla, moi preto do aeroporto compostelán, discurrindo polos termos municipais de Arzúa, O Pino e Santiago. Executáronse xa catro novos enlaces: Salceda, Santa Irene e O Pino (onde a A-54 conecta finalmente coa N-547 a través de estradas de distintas titularidades) e a nova conexión de Lavacolla (onde a A-54 une coas vías N-634 de San Sebastián a Santiago e a N-547 de Lugo a Santiago). No inicio do tramo realizouse unha unión provisional do novo treito da A-54 coa N-547 mediante unha nova glorieta situada á altura do quilómetro 68.

 

XUNTA. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, lamentou e mostrou a súa sorpresa sobre a apertura, "xusto o día antes da xornada de reflexión", do tramo Arzúa-Lavacolla, polo que asegurou que "se podía abrir xa hai semanas".

Neste sentido criticou que se trata dun vial que tiña "un compromiso claro e específico" de que estivese acabada para o Xacobeo 2021 e debido ao "castigo" do goberno de Pedro Sánchez a Galicia "a ver se está para o Xacobeo 2027". Vázquez sinalou que "foi o goberno de Mariano Rajoy quen pasou do papel á obra real" dita infraestrutura, xa que "foi cando esas obras se adxudicaron e por iso están en execución". Ao seu xuízo, a autovía entre Lugo e Compostela non estará para o 2021 "e veremos se está para o Xacobeo 2027", dixo.

{ ANÁLISE }

Todo máis cerca

onte as dúas da tarde a veciñanza de Arzúa e O pino recibían con agrado a apertura do tramo Arzúa-Lavacolla, un treito que quedaba licitado xa no 2009 e que estaba previsto pór en marcha no 2012... Chega tarde, moi tarde, pero o importante é que os condutores xa poden beneficiarse deste treito que aliviará á N-547 de tráfico pesado, unha vía perigosa pola presenza de peregrinos e polas súas curvas, cambios de rasante e travesías urbanas. Esta nova actuación permitirá aforrar gran cantidade de tempo na viaxe, pero ademais vai mellorar a seguridade dos viandantes e dos condutores, que dende logo farán o percorrido máis tranquilos.

O PROTAGONISTA

Jose Luis García Alcalde de Arzúa "SERÁ POSITIVO PARA OS PEREGRINOS"

"Despois de tanto tempo agardando, trátase dunha nova moi importante para todas as persoas que vivimos nos concellos polos que discorre", explicaba o rexedor arzuán. "O meu maior desexo é que conleve a un resultado positivo que nos beneficie a todos, acurtando os tempos de traslado, sendo un revulsivo económico ou mesmo permitindo un maior asentamento de poboación no noso municipio", apuntou. "Ademais considero que vai ser moi positivo para incrementar a seguridade dos peregrinos que percorren o Camiño a Santiago e que en moitos dos seus tramos vai paralelo á estrada N-547, que agora estará máis libre de tráfico".