El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Arzúa Viva chega o domingo 28 con espectáculos e xogos para a cativada

Haberá inchables, tobogán acuático, sesións de cine e un xogo de aventura

Inchables da edición anterior de Arzúa Viva - FOTO: ECG
Inchables da edición anterior de Arzúa Viva - FOTO: ECG

A.P.   | 22.07.2019 
A- A+

O vindeiro domingo, día 28, o Concello de Arzúa organiza unha nova edición do programa Arzúa Viva, unha iniciativa que ofrece propostas dirixidas aos máis novos. Este ano manterase a aposta de organizar actividades durante todo o día e en distintos espazos da vila.

Durante a mañá desenvolverase un xogo de aventura no Multiusos Terra do Queixo de 10.00 a 13.00 horas. Haberá un parque de Lasertag con obstáculos e todo o material necesario e faranse quendas de 15 minutos. Poderán participar de balde os rapaces que teñan máis de oito anos, previa inscripción no departamento de Cultura, ou o mesmo día no Multiusos a partir das 9.30 horas.

Pola tarde, na Praza de Galiza e na rúa das Dores, haberá inchables, tobogán acuático, actividades interactivas e rocódromo. Paralelamente, estará instalado na Praza o Festivaliño on the road, unha proposta de cine que conmemora o décimo aniversario de A Caixiña de Mistos. Faranse distintas quendas e haberá flocos de millo de balde antes de cada sesión.

Por último, para pechar esta xornada festiva, a compañía Teatro ao Cubo escenificará ás 19:30 horas Ghop!. Trátase dun espectáculo de circo ao estilo dos que antigamente percorrían as prazas dos pobos e das aldeas.