Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Aumenta a afluencia ao Punto Limpo amesán un 17 % con respecto a 2018

En decembro do ano pasado rexistrou 579 visitas fronte as 492 do mesmo mes

    A Maía. O Punto Limpo do Polígono do Milladoiro, no Concello de Ames, rexistrou 579 visitas durante o pasado mes de decembro, o que supón unha suba con respecto ao mesmo mes do ano 2018, cando foron 492 (un 17,6 % menos). Das achegas feitas ao longo do mes fontes municipais destacan fundamentalmente os residuos eléctricos e electrónicos, que chegaron a ser 3.437 quilos.

    Deste xeito, a cifra de veciños que empregan o punto limpo para depositar alí os seus residuos segue incrementando cos anos, o que segundo a administración local supón un signo "de que cada vez somos máis conscientes da importancia que ten facer un uso correcto dos residuos que non van aos colectores convencionais", apuntan.

    Entre os materiais rexistrados constan 200 quilogramos de envases baleiros e contaminados, 300 quilogramos de pneumáticos fora de uso (38 unidades), 160 quilogramos de baterías de chumbo (11 unidades), 6 metros cúbicos de roupa, 90 metros cúbicos de voluminosos e 14 quilogramos de pilas (490 unidades aproximadamente). Ademais, rexistrouse a entrada de 67 tubos fluorescentes e outras lámpadas, e de varios residuos, entre os que se encontran 20 metros cúbicos de escombro, 30 metros cúbicos de plásticos, 20 metros cúbicos de metais, 73 quilogramos de pinturas e 70 metros cúbicos de madeira. Compre engadir tamén os aceites, 46 litros de aceites vexetais e 32 litros de aceite destinado aos automóbiles.

    Lembrar que este servizo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños da capital maiá para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 h a 18.00 horas. Os sábados o horario é de 9.00 h a 14.00 horas e de 16.00 h a 20.00 horas. Máis datos no número de teléfono 981 53 66 88.

    17 ene 2020 / 21:57
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito