El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Avanza o centro de saúde de Melide

Os traballos están a desenvolverse sen ningunha incidencia // A previsión é que quede listo para outubro

Maqueta que representa como quedará o exterior do futuro centro de saúde de Melide - FOTO: X.G.
Maqueta que representa como quedará o exterior do futuro centro de saúde de Melide - FOTO: X.G.

C. ESTÉVEZ  | 16.02.2020 
A- A+

O novo centro de saúde de Melide atópase en plena construción e a previsión é que esté listo para outubro deste ano, despois de que quedase aprobado o proxecto básico e de execución o pasado 15 de febreiro de 2019. O centro actual está composto por un edificio de atención primaria e urxencias e por outro máis recente destinado a fisioterapia. O futuro ubicarase na nova parcela, polo que unha vez realizada a obra, trasládase toda a funcionalidade do complexo asistencial existente ao novo, segundo explican dende o Goberno galego.

O edificio contará con cinco consultas de medicina de familia e outras 5 de enfermería, consulta de pediatría, de enfermería pediátrica, sala de toma de mostras, consulta de farmacia e de matrona , sala de educación sanitaria, consulta de odontólogo e de hixienista e duas de fisioterapia. Tamén contará con ximnasio e dous despachos para os responsables do centro, e terá asistente social. Ademais contará con salas de espera, de xuntas, e estar do persoal, aseos, recepción, arquivos e almacéns, entre outros espazos.

O volume edificado desenvolverase nunha única planta para favorecer a accesibilidade a todos os seus puntos. As esperas estarán abertas e acristaladas a norte-este e cara ao espazo axardinado que se xera entre o centro de formación e o novo elemento construído. Os espazos que requiren maior privacidade como son as consultas, fisioterapia e recintos do persoal envórcanse cara a un patio aberto pero de acceso controlado.

Esta obra, que conta cun prazo de execución de 12 meses e na que a Xunta de Galicia vai investir case tres millóns de euros, avanza a bo ritmo, sen ningunha incendencia. Así o comunican dende a Axencia Galega de Infraesturas, que engaden que de momento o grao de avance da obra é do 6,87%. O capítulo de traballos previos está executado ao 80%, o de movemento de terras ao 85% e o de cimentación ao 57%. O resto aínda está pendente.