Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Baña ten unha nova centenaria: Concepción Lago

Segundo explicou a responsable do Fogar Residencial e Centro de Día de Ceilán, onde vive, trátase da primeira usuaria que cumpre cen anos na residencia

O municipio da Baña conta dende este venres cunha nova centenaria. Trátase de Concepción Lago Iglesias, quen pasa a engrosar a egrexia lista de persoas centenarias de Galicia. Precisamente por este motivo, o alcalde, Andrés García Cardeso, e a concelleira de Servizos Sociais, Emprego, Educación e Cultura, Alicia Blanco Sande, e o xerente adxunto do Consorcio de Servizos Sociais, Santiago Amor, desprazáronse ata a residencia e centro de día do Seilán, onde reside Concepción Lago dende hai uns anos, para entregarlle un ramo de flores e unha figura conmemorativa cunha placa gravada de parabéns. Os dous representantes municipais felicitaron a homenaxeada. Concepción tamén estivo rodeada, nunha data tan sinalada, polos seus sobriños, que a acompañaron durante toda a celebración.

Dirección e persoal do Fogar Residencial e Centro de Día de Ceilán aproveitaron a ocasión para celebrar por todo o alto os cen anos de Concepción, cunha gran festa. Segundo explicou a responsable do centro, Clara Patiño, trátase da primeira usuaria que cumpre cen anos na residencia.

Concepción Lago Iglesias leva quince anos nunha cadeira de rodas. A pesar dos seus problemas de saúde e da xordeira que a afecta, non perdeu o seu sentido do humor e fai gala da retranca galega cando se lle pregunta se vai soprar as velas do pastel. “Se hai baile, si. Que só vou facer 15 anos!” e amósase disposta a celebrar non unha festa “senón dúas”. Por uns intres toma conciencia do tempo, ponse moi seria e a súa mirada pérdese no horizonte, aínda que volve axiña ao presente para espetar que “non se pode ir triste a unha festa”. Durante a celebración, Concepción soplou as velas do seu centenario dúas veces, visiblemente emocionada.

Non hai, segundo ela, ningún segredo para chegar aos cen anos. “Na miña vida fixen de todo e traballei moito”. Unha aseveración que referenda a súa afillada e sobriña Lola, quen explica que Concepción naceu en Piñor-Agrón (Ames). “Traballou arreo no campo ata que casou con Rufino Poceiro, quen despois de volver de Cuba, onde estivo emigrado, fundou e rexentou o Bar Rufino en Pontemaceira”, subliña Lola, engadindo que “Concha era moi boa cociñeira e ao principio daban comidas. Ela fora á escola; sabía ler e escribir, ensinaba os nenos e tamén os coidaba. Gustáballe moito ler”. Unha afección que aínda hoxe, con cen anos, segue a practicar. “Se lle pos o xornal diante, as letras grandes dos titulares leas, as pequenas xa non”, explica Clara Patiño.

Segundo a súa afillada, entre as afeccións de Concepción tamén se encontran os refráns, as cantareiras e a radio. “Lembro véndoa sempre escribindo refráns e cantigas. Era moi metódica nas súas cousas e coidábase moito. Na casa gardamos moitos papeis escritos por ela e tamén follas de almanaque nas que apuntaba as necrolóxicas que escoitaba na radio. Quen era o defunto, cantos anos tiña, se era coñecido...”

De vez en cando, en días bos, Concepción aínda agasalla os compañeiros da residencia con algunha cantiga. O bar que fundou xunto ao seu home en Pontemaceira segue hoxe en mans da familia, en concreto dun sobriño. “Ela non puido ter fillos”, sinala Lola, a súa sobriña neta, afillada e persoa que coidou ata que Concepción ingresou na residencia e para quen chegar aos cen anos “é toda unha alegría”.

03 mar 2017 / 19:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito