El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Alcaldesa de Outes

Beatriz Molinos: "É necesario alcanzar un gran acordo social que aposte realmente pola conciliación e a corresponsabilidade"

FOTO: ECG
FOTO: ECG

CARMEN ESCARIZ SANTIAGO  | 26.04.2019 
A- A+

Existe unha conciencia xeneralizada de que estamos a vivir a era da presenza feminina na política e noutros centros de poder. Está de acordo?

Sí, é certo que as mulleres estamos cada día máis presentes nas institucións e nos cargos de alta xestión. Aínda que de momento somos minoría, parece que empezamos a romper ese teito de cristal que hai moi poucos anos semellaba infranqueable. Debemos seguir nesta dinámica para que nun futuro próximo poidamos ter unha presenza xusta en todos os aspectos institucionais, laborais, sociais etc. e chegar a un punto en que esta temática se normalice acadando o equilibrio necesario.

Hai queixas fundadas sobre os problemas de conciliación familiar e flexibilidade no traballo...

Temos un marco lexislativo igualitario, pero penso que a sociedade aínda non foi capaz de aplicalo totalmente. É necesario alcanzar un gran acordo social que aposte realmente pola conciliación e a corresponsabilidade. Desgrazadamente aínda queda quen pensa que somos nós, as mulleres, quenes temos que coidar da familia en detrimento da nosa vida laboral fóra do fogar. Debemos aspirar a unha sociedade onde os roles sexan compartidos equilibradamente, onde homes e mulleres teñamos as mesmas oportunidades laborais e onde o coidado dos fillos, dos maiores e do fogar sexan responsabilidades compartidas por toda a unidade familiar. Estou convencida que conseguir isto pasa pola formación e pola educación tanto nos fogares coma nas escolas. En que orde de preferencia situaría familia, política, estudo, relevancia social ou amigos?

Familia, amigos, estudo, e relevancia social, esta última cuestión só resulta interesante se contribúe a mellorar a vida das persoas. Con respecto á política, non a poño nun lugar particular porque considero que está presente en todas as parcelas anteriores.

Unha enquisa sinala que os mozos vivirán peor que os seus pais... Que se pode facer nun mundo tan desigual?

Eu penso que hai que ter, globalmente, políticas equilibradas e que o futuro das novas xeracións dependa moito menos da situación de renda dos seus pais e moito máis de políticas gubernamentales que as favorezan en temas coma a formación, o emprego, a vivenda etc., sen esquecer, na miña opinión, que os pais destes mozos é posible que teñan tamén unha vellez peor que os seus avós, polo tanto, precísanse igualmente políticas que garanten o seu benestar cando chegue ese momento.

É sustentable un sistema tan discriminatorio?

Creo que non, as grandes desigualdades sempre provocan conflictos sociais que fan que o sistema non se manteña en orden.

Sentímonos manipulados e controlados polo que Orwell cualificou de Gran irmán. Hai solución?

As novas tecnoloxías evolucionan tan rapidamente que imos ter que aprender a convivir coa masificación de información, en ocasións con contidos falseados, e coa sensación de estar continuamente controlados. Non sei cal será a solución completa, pero seguro que pasa, mediante a formación e a educación, por que se nos den ferramentas para filtrar esa información de xeito que, na medida do posible, sepamos discernir entre o que realmente necesitamos e o que nos ofrecen, e que nos permitan diferenciar entre a realidade e o que nos queren facer ver.

A irrupción da extrema dereita influirá nas eleccións municipais?

Nalgunha medida, calquera movemento político ou social inflúe na vontade e na maneira de pensar da xente, polo tanto, seguramente pode ter algunha repercusión no sentido do voto. Cando algún partido de ideoloxía extrema se presenta a u­nhas eleccións e hai quen o toma en consideración, temos que aceptar que esa situación entra no xogo democrático, e as agrupacións que estamos máis no centro e somos máis moderadas temos que recoller a menxase que nos envían os votantes cando elixen opcións extremas. Pero de calquera xeito, as eleccións municipais son as máis cercanas á xente, e os votos penso que van máis encamiñados a elixir un candidato e un equipo que se coñece máis directamente e que, pola súa identidade, se crea que pode resolver os problemas máis próximos.

O caso catalán e as súas derivacións en toda España poden influír no resultado dos próximos comicios?

Non sei se influirá, eu creo que todos os partidos teñen o dereito de defender as súas posturas, pero sempre dentro do marco da legalidade e da Constitución, e podendo ser, c­unhas formas que non crean unha confrontación social. Isto último xa vai no ADN de cada formación.

Coas municipais a tiro de pedra, que lle faltou por facer no Concello nesta lexislatura?

Nestes case catro anos fomos cumprindo todo o noso programa electoral, pero, sen dúbida, o que nos faltou foi tempo e recursos para poder atender ben outras demandas que os veciños nos achegaron ao longo deste tempo. Satisfixemos moitas delas, pero somos conscientes de que non puidemos chegar a todas. De todos os xeitos, non esquecemos ningunha e pretendemos levalas adiante no futuro, se os vecinos de Outes nos volven a dar a súa confianza.

Cales foron os obstáculos máis serios que tivo que superar?

O falecemento de dúas persoas importantísimas do equipo de goberno, Francisco Rama Vázquez e Carlos López Crespo, sen dúbida ningunha, foi o peor que me pasou, unha situación así fai que todo o demais teña unicamente unha importancia relativa. Cre que en Galicia vivimos nun país fermoso e envexable ou que nos queda aínda moito por mellorar para estar ao nivel doutras autonomías?

Claro que Galicia é un lugar fermoso, que ademais ten un goberno que nos leva a un progreso constante. Por suposto que faltan cousas por mellorar en diferentes ámbitos, pero como acadar todo de golpe non é posible, penso que o ideal é ter un goberno coma o galego, que avance, que saque proxectos adiante e que teña coma única motivación mirar polo ben e polo que é mellor para os seus administrados.

Se repetise alcaldía, cal sería a súa folla de ruta para os próximos catro anos?

A nosa folla de ruta será buscar o mellor para os veciños de Outes; atender todos os ámbitos que lles reporten boa calidade de vida; conseguir aínda máis servizos dos que xa temos; mellorar as infraestruturas; atender todas as necesidades sociais, tendo sempre en conta que vivimos nun entorno rural e, coma en todos os concellos con estas características, hai máis xente maior á que temos que prestarlle a atención que precisan. Ao mesmo tempo, facer de Outes un concello atractivo para que os máis mozos fixen aquí a súa residencia. Cal é o mellor consello que recibiu na súa vida e de quen?

Vou decir dous, un doumo unha moi boa amiga e é o seguinte: "Ten sempre en conta que ata os reloxos avariados e parados teñen razón dúas veces ao día" e o outro é un dos bos, dos moitísimos que me dou o anterior alcalde de Outes, o meu admirado Carlos López Crespo: "O que non queiras que se sepa, non o fagas".

TRAXECTORIA

Nacín en Outes, na parroquia de Santa María de Entíns, no ano 1964.

Fixen a EXB no Colexio da Serra de Outes e o Bacharelato no Instituto Virxe do Mar de Noia, logo continuei formándome na Escola de Arquitectura Técnica da Coruña, compaxinando os estudos co traballo nun estudo de Arquitectura.

Unha vez obtido o título de Arquitectura Técnica, traballei no Servizo de Asistencia a Municipios da Deputación da Coruña; despois, pasei á empresa privada, onde exercín de xefe de Obra nunha constructora e de responsable de Xestión de Calidade nunha planta de prefabricados de formigón.

Entrei na política no ano 2015, cando o que fora o meu profesor na EXB, Carlos López Crespo, que dende o ano 1995 era o alcalde de Outes, me ofreceu formar parte da lista que o Partido Popular presentaba para as e­leccións municipais dese ano. O PP gañou esas eleccións por maioría absoluta e obtiven a acta de concelleira, pasando a ser primeira tenente de alcalde. En agosto de 2016, Carlos López Crespo renunciou á alcaldía para presentarse ás e­leccións ao Parlamento Galego e eu recollín o seu testigo. Dende aquela ata hoxe son alcaldesa do Concello de Outes.