El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Bertamiráns despídese hoxe da exposición que celebra os 30 anos de Teatro do Noroeste

Fai un percorrido pola súa traxectoria e reflicte as 3 últimas décadas do xénero dramático en Galicia

A.P.   | 31.01.2019 
A- A+

Tras 18 días exposta na casa da cultura de Bertamiráns, hoxe o Concello de Ames despide a exposición Teatro do Noroeste: 30 anos actuando, que conmemora as tres décadas de actividade da compañía. Supón un percorrido pola súa traxectoria e reflicte tamén as tres últimas décadas do teatro galego.

A través de deseños de vestiario, roupa, fotos e carteis explicativos faise un resumo dos 37 espectáculos, as máis de 1.250 representacións e os 167 profesionais que forman parte da historia da compañía dende a súa fundación, en 1987. Así, o visitante pode admirar algunhas pezas de vestiario de obras como Os xustos , Galileo Galilei ou Historias peregrinas; así como entrevistas ao director Eduardo Alonso e a actriz Luma Gómez, fundadores de Teatro do Noroeste. Asemade, tamén se poden consultar diversos carteis informativos nos que se explican aspectos de interese de diversas obras montadas pola compañía dende a súa fundación.

A exposición convertese así na mellor mostra da vocación de Teatro do Noroeste por ofrecer un repertorio variado, formado por obras clásicas como McBeth, A Celestina ou As vodas de Fígaro. Reflicte tamén o desenvolvemento do teatro galego nas tres últimas décadas e a súa defensa da profesionalización do sector.