El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

{ XENTE NOSA }

Calçotadas en Arzúa ata abril co selo de Casa Assumpta

Estas xornadas gastronómicas teñen lugar os festivos e as fins de semana // Hai que facer reserva

Imaxe dos exteriores da casa de turismo rural - FOTO: F.C.A.
Imaxe dos exteriores da casa de turismo rural - FOTO: F.C.A.

ALBA PRADA  | 17.02.2020 
A- A+

Casa Assumpta ubícase en Arzúa, no Lugar de Fondevila, nun emprazamento privilexiado ao atoparse moi próxima ao centro do municipio e do Camiño de Santiago. Esta casa rural abría as súas portas en outubro do ano 2000 despois dun arduo labor de restauración, no que se foi estremadamente coidadoso coa reforma dos edificios e coa recuperación paisaxística da finca. "O negocio nace de man de miña nai e da súa parella e dende hai tres anos fíxenme eu cargo", explicou o actual dono de Casa Assumpta, Arnau Esteve Navarro, de 35 anos.

Aínda que leva tres anos ao fronte, o certo é que Arnau traballou dende os inicios na cociña, polo que conta cunha dilatada experiencia no mundo da hostalería. "Dende que abriu o negocio, sempre o combinei cos estudos", sinalou Arnau. "Agora mesmo sacamos adiante a casa entre eu e outro empregado. É moito traballo pero logramos ir saíndo adiante, a pesar de que cando empezamos no 2000 había unhas 70 casas rurais en todo Galicia e agora somos 600", apuntou.

Casa Assumpta fai dende logo as delicias de todos os peregrinos que a escollen para facer un alto no camiño antes de chegar a Compostela. Construída hai 200 anos, conta con amplos muros de pedra e posúe sete habitacións dobres, dúas delas con camas supletorias e unha adaptada a xente con minusvalía. Dispón ademais de recepción, sala de estar con chiminea e forno, e dous comedores. "Un ten capacidade para trinta persoas e outro para corenta e cinco. Non dá para facer bodas, pero sí temos ás veces outro tipo de celebracións", comentou.

Casa Assumpta dispón para o aloxamento de cuartos decorados en consonancia co entorno. En canto ás comidas, para as persoas non aloxadas teñen dispoñible as calçotadas as fins de semana e os festivos. "Con todo, con reserva previa non habería problema en vir comer", aclarou o dono da casa. Pero iso sí, os esforzos deste establecemento están todos dirixidos ás calçotadas, un festexo gastronómico típico de Cataluña, onde naceu Arnau, concretamente orixinaria de Valls.

Os calçots son gajos de cebola brancas e doces que se combinan con salsa. Para conseguilos é preciso pasar por distintas etapas: primeiro seméntanse as semillas da cebola branca a principios da primavera e cando crece, arráncase e gárdase. A finais do verán volve plantarse a cebola que se gardara, esta vez de forma que só quede medio enterrada. A medida que medra a planta, tense que ir calzando, é dicir, rodeándoa de terra. Os calçots recóllense preferentemente entre os meses de novembro e abril.

"Para preparalas boto man da parrilla, ásoos e logo envólvoos en papel de dez en dez ". E por suposto "acompáñoos coa salsa estrela, a romesco, elaborada con tomate, allo, almendra, ñora (un tipo de pemento), aceite, vinagre e sal". Os calçots degústanse no xardín e logo pásase ao comedor para seguir co banquete. "Alí os comensais comen butifarra, xamón, escalibada (elaborada con pemento, berenxena e cebola), o famoso ali oli da casa e cordeiro á parrilla", explicou Arnau. "De postre, por suposto, hai crema catalana caseira".

O mellor de todo, é que non é un menú pechado, posto que non teñen problema en adaptarse. A pesar de que cada vez hai máis opcións para as persoas vexetarianas ou veganas, aínda queda moito por andar e ás veces saír comer fóra é unha auténtica dor de cabeza para todos os que renuncian aos produtos animais. "Cambiamos o menú do comedor e ofrecemos unha parrillada de verduras ou un arroz con setas", explica. "Tamén o outro día viñeron unhas persoas que non podían tomar sal e adaptamos o menú para eles". E por suposto hai alternativa para os cativos: "Facémoslle sopa, croquetas ou peituga de polo".

Todos os que desexen probar a calçotada teñen que reservar previamente, posto que hai unha gran demanda. De feito o ano pasado fixeron 1.200. "Temos a sorte de ir crecendo pouco a pouco. No 2019 pasaron por aquí máis de 2.500 persoas". Algo no que sen dúbida inflúe o agradable trato de Arnau, que se preocupa para que cada hóspede se sinta como na casa. Incluso agasalla aos clientes cuns imáns que deseña el mesmo.

Por certo que, para facilitarlle as cousas ós seus clientes peregrinos, contan tamén cun servizo de recollida de peregrinos en Arzúa entre as catro da tarde e as seis e media.

 

"Para preparar os calçots ásoos na parrilla e van acompañados coa salsa estrela, a romesco"

"Cambiamos o menú do comedor para adaptarnos aos vexetarianos e veganos"