El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Camariñas organiza unha gala para premiar a creatividade literaria dos seus estudantes

Repartirán máis de 700 € ao alumnado galardoado no certame organizado con motivo das Letras Galegas

J. M.   | 16.05.2019 
A- A+

O Concello de Camariñas organiza mañá unha gala, a partir das 12.00 horas na Praza do Concello, para facer entrega dos premios aos mellores textos literarios do Concurso Letras Galegas, no que participaron os alumnos e alumnas de todos os colexios do municipio.

O certame contou con seis categorías, en función das idades dos xoves creadores. Os alumnos de Infantil elaboraron traballos colectivos, namentras que os escolares de Primaria e Secundaria participan en dúas subcategorías: prosa e poesía. Dende o Concello aseguran que, debido ao alto nivel das obras presentadas, haberá cinco accésits. Repartirán máis de 700 euros en premios e todos os galardoados recibirán un libro en galego. A festa será presentada e amenizada pola Tropa Doutor Milagres, de Inventi Teatro, que traerá á capital encaixeira un espectáculo de música, improvisación, xogo e baile.

En Cee farán entrega hoxe dos premios dos concursos de Achegamento ó Libro e Na Procura do Noso Marcapáxinas, organizados pola Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán. O acto será na sala de conferencias da casa de cultura a partir das seis da tarde.

Pola súa banda, na aldea do Couto, en Ponteceso, continúa hoxe a Festiletras con rutas guiadas para observación de aves, un obradoiro de arte dramática, contacontos e xogos, talleres de ilustración de aves, plastilina e caixas-niño, danza e a exposición Aves e morcegos de Galicia.

Pola tarde haberá tamén un café científico a cargo dos divulgadores Francisco Rodríguez e Dositeo Veiga. A xornada pecharase cun concerto de Xavi Lozano na sede da Fundación Eduardo Pondal, e cunha ruta nocturna de mostraxe de campo de morcegos polo lugar do Couto.

E na Laracha, a biblioteca da capital municipal acolle hoxe desde as 18.00 horas o evento Antón Fraguas e a festa dos monicreques, dirixido a maiores de catro anos. O martes, día 21, haberá contacontos na biblioteca de Caión (Espantamedos) e o xoves 23, na de Paiosaco presentarase O Paroleiro. Todas as propostas son gratuítas, e tampouco hai necesidade de inscribirse antes.