El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Cara á primavera cultural amesá co 'Mago de Oz', Susana Seivane e ruta tributo a Rosalía de Castro

Máis de medio cento de actividades, incluíndo a normalización lingüística, chegarán nestes meses

M. OUTEIRO   | 15.02.2019 
A- A+

Ames. A primavera xa chegou a Ames... ou, cando menos, a unha programación municipal que suma 54 actividades, dirixidas a todos os rangos de idade. A oferta inclúe un amplo abano de iniciativas organizadas polos departamentos de mocidade, cultura, deportes, medio ambiente, normalización lingüística e polas bibliotecas municipais. Así, contará con obradoiros, galas, contacontos, excursións, eventos deportivos e numerosas obras teatrais.

O programa continúa hoxe (18.00 horas) na casa da cultura do Milladoiro cunha representación do Mago de Oz dirixida a toda a familia e con entradas xa dispoñibles na billeteira electrónica da web. E tamén hoxe, a casa da cultura de Bertamiráns acollerá o concerto de presentación de FA, o novo traballo da gaiteira Susana Seivane. Durante o evento, que terá lugar a partir das 21.00 horas e cun custo por entrada de 11,09 € a través de Eventbrite, a artista percorrerá os temas do seu novo álbum, doce pezas adicadas aos seus fillos a través das que descobre ante o público os sentimentos que despertan nela a maternidade e a vida familiar.

Tamén realizanrase durante os vindeiros meses un gran número de actividades dirixidas aos máis cativos da casa ao abeiro do programa Apego (a primeira destas actividades terá lugar o venres 22 de febreiro na casa da cultura de Bertamiráns), con sesións ás 17.00 e 18.00 horas. E no que atinxe ao apartado máis cultural, o sábado 23 de febreiro vaise organizar unha excursión literaria, baixo o nome Viaxando con Rosalía, polos lugares claves da súa vida. O prazo de inscrición nesta actividade permanecerá aberto ata o vindeiro 21 de febreiro, sendo preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

Co gallo do 182 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, Ames organiza tamén unha gala o vindeiro 24 de febreiro para conmemorar dita efeméride na casa da cultura de Bertamiráns ás 18.00 h., e contará coa actuación de Rosa Cedrón. Por outra banda, o sábado, 27 de abril, conmemorarase o Día do Libro cun evento na praza do Concello de Bertamiráns ás 17.00 horas.









Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...