El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Carballo acolle hoxe un encontro de dramaturgos do noroeste da península

Xuntará no pazo da cultura a autores de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi

M. L.   | 09.10.2019 
A- A+

Carballo. O pazo da cultura de Carballo acolle hoxe, a partir das 10.00 horas, un encontro de dramaturgos do noroeste de España organizado polo proxecto Camiño Escena Norte. Participarán autores de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi que tratarán sobre artes escénicas e interculturalidade co Camiño como conector e vertebrador de diversidades. A xornada forma parte do programa expandido do proxecto, que promove en Galicia a asociación Escena Galega.

En cada un dos territorios celebran unha xornada de reflexión arredor das artes escénicas enfocadas a temáticas máis alá da pura relación espectáculo-público, como a mediación coa cidadanía, o desenvolvemento económico ou a dinamización do rural.

Despois das celebradas en Bilbao, Santander e Xixón, en Carballo reflexionarán sobre a interculturalidade, centrándose no traballo de creadores e creadoras do eido das artes escénicas, e en distintas temáticas como a situación da creación dramatúrxica en cada autonomía, a promoción e difusión de creacións noutra lingua distinta ao castelán ou a colaboración en distintos proxectos culturais e artísticos de diferentes territorios.

A xornada está financiada pola Comisión Territorial da Fundación SGAE en Galicia e coorganizada coa Deputación da Coruña.