El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Carballo e A Laracha acollen tres obradoiros de formación

Dous deles están dirixidos aos menores de trinta anos // Na Costa da Morte impartiranse tamén vinte e seis cursos AFD

Ferrero, dereita, e Rodeiro, centro, onte en Carballo no obradoiro de carpintería - FOTO: Xunta
Ferrero, dereita, e Rodeiro, centro, onte en Carballo no obradoiro de carpintería - FOTO: Xunta

JOSÉ M. RAMOS   | 01.11.2019 
A- A+

Un total de 438 persoas beneficiaranse na Costa da Morte dos plans formativos da Xunta, aos que adicará un investimento que supera os 1,6 millóns de euros. Así o confirmou onte o delegado territorial, Ovidio Rodeiro, durante a súa visita aos alumnos do obradoiro de garantía xuvenil que se está impartindo en Carballo, grazas a unha achega de 135.000 euros.

No taller participan 12 alumnos que, despois da formación teórica, están a construir e instalar o mobiliario interior do Museo de Bergantiños. Rodeiro sinalou que o Concello da Laracha acollerá un obradoiro similar, e tamén outro ordinario de carácter dual, no que participarán alumnos de calquera idade.

Estes obradoiros permitirán que un total de 48 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Recibirán ademais un certificado de profesionalidade. A duración dos talleres xerais é de 9 meses e a dos de garantía xuvenil de medio ano. Os alumnos dos talleres duais poderán combinar o contrato de formación cun en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial.

Por outra banda, o delegado da Xunta lembrou que na Costa da Morte se impartirán tamén 26 cursos AFD para preparar a 390 alumnos cun investimento que supera o millón de euros. A maioría celebraranse en empresas e entidades sen ánimo de lucro.