Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cincocentas mulleres esixen un rural sen violencia sexista

A casa da cultura de Vimianzo acolleu onte o acto organizado pola Deputación da Coruña e Fademur // María Rodríguez Mouzo, A Banda da Loba, Arte na Palla e Rosa Cobo foron galardoadas polo seu compromiso co feminismo

    Máis de 500 mulleres que residen e traballan en municipios da Coruña reclamaron onte unha igualdade efectiva e un rural sen violencia machista. Foi no acto organizado pola Deputación e Fademur con motivo da celebración do Día Internacional da Muller da Rural, no que se quixo facer visible e recoñecer publicamente "o papel decisivo das mulleres no desenvolvemento social e económico do rural galego". Así o afirmou o deputado provincial José Manuel Lage Tuñas, durante o discurso inaugural da xornada, que contou tamén coa asistencia da presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos, e da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, que agredeceu a elección da localidade para a celebración do acto.

    Lage Tuñas destacou que "o traballo das mulleres, tantas veces invisible nas estadísticas oficiais, foi historicamente e segue a ser o combustible que fai que funcione o noso medio rural". O deputado apuntou que malia este papel decisivo na economía, elas seguen a vivir situacións de desigualdade e precariedade laboral, con salarios ata un 30% máis baixos ca os dos homes e só 6 de cada 10 cotizando nalgún sistema de protección social, polo que reclamou "multiplicar os esforzos de todas as administracións públicas para promover a igualdade real en todos os ámbitos e profesionalizar a actividade agraria das mulleres".

    O acto de onte celebrouse baixo o lema Actuemos! Por un rural libre de violencia machista e tanto Lage coma Rosa Arcos e Mónica Rodríguez fixeron referencia nas súas intervencións á necesidade de rematar con esta lacra e de dotar de recursos suficientes ao rural para previr crimes tan terribles coma o recentemente acontecido en Valga, así como dar soporte e protección ás vítimas. "Hai unha parte da sociedade que asiste con resignación ao reconto de vítimas da violencia machista. Nós non. Non nos resignamos", afirmou a presidenta de Fademur Galicia, que instou ás mulleres a "actuar xuntas, cada unha dende a súa vila, dende a súa casa, dende o seu lugar" para erradicar o maltrato.

    A xornada incluiu unha entrega de galardóns que pretenden recoñecer o labor das mulleres rurais en distintos ámbitos. O grupo musical A Banda da Loba, a asociación Arte na Palla, a presidenta da Asociación de Mulleres Progresistas de Dumbría, María Rodríguez Mouzo, e a profesora de Socioloxía da UDC, Rosa Cobo Bendía, foron galardoadas este ano polo seu compromiso feminista co rural.

    Entre as galardoadas atopábase María Rodríguez Mouzo (Berdeogas-Dumbría, 1946) que dende moza axudoulle aos seus pais na súa pequena explotación de leite que era a fonte de ingresos principal da familia durante os anos da pos-guerra. Anos máis tarde, concretamente no 1986, ao xubilarse seu pai pasou ela a ser a titular da explotación, e despois reconverteuna á produción de vacún de carne. Estivo ao fronte da mesma ata que nunha de tantas crises de prezos, deixouno ante a falta de viabilidade da mesma alá polo ano 2005. Despois María Rodríguez Mouzo traballou no servizo de Correos da súa zona e para o Concello de Dumbría.

    19 oct 2019 / 23:49
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito