El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Comenzaron as obras de saneamento en Lousame

As parroquias de Filgueira e Seixido contarán coa instalación dunha depuradora

As obras que se están a levar a cabo en Filgueira e Seixido, na parroquia de San Xoán de Lousame - FOTO: G.
As obras que se están a levar a cabo en Filgueira e Seixido, na parroquia de San Xoán de Lousame - FOTO: G.

JUAN CAAMAÑO LOUSAME   | 07.12.2018 
A- A+

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, celebrou o inicio das obras de saneamento en Filgueira e Seixido, na parroquia de San Xoán de Lousame. Unhas obras adxudicadas por Augas de Galicia á empresa Gestal y López SL por un importe total de 113.487,92 euros, e que inclúen tamén o saneamento da aldea de Servia, que deron comezo a mediados de outubro. Villaverde explica que "se trata da primeira fase do saneamento en Filgueira e Seixido, onde se instalará a depuradora e se colocará o colector principal coas conexións ás vivendas na marxe da DP-4201.

Despois faranse os ramais secundarios porque sen a canalización principal e a depuradora non podemos facer o demais". Unha primeira fase que agarda que poida estar rematada o próximo mes de marzo. "Despois, para chegar a toda a aldea de Filgueira, haberá que facer cando menos tres ramificacións", exemplifica a alcaldesa. Na actualidade, os núcleos de Filgueira e Seixido non dispoñen de rede de saneamento municipal de augas residuais, tendo os veciños que dispoñer de fosas sépticas propias. Estas obras contemplan a creación da rede de saneamento que daría servizo ás vivendas existentes, posibilitando a conexión das vivendas da zona incluíndo a rede de colectores precisos para a evacuación das augas residuais e un punto de depuración final.

Así, construiranse dous novos tramos de saneamento que discorrerán na súa maior parte pola estrada DP-4201 e unha pequena parte por un camiño de titularidade municipal. Estas obras coinciden no tempo coas de construción da senda peonil e ampliación da travesía de Aldeagrande, que executa a Deputación da Coruña na mesma estrada DP-4201. No que atinxe á EDAR, instalarase un sistema compacto de depuración para o tratamento biolóxico das augas domésticas ou asimilables a domésticas. Un tratamento que cumprirá tanto a Lei de Augas como a normativa europea.

A EDAR realizará a depuración en dúas etapas, unha primeira encargada da decantación-dixestión en dous compartimentos contiguos e a outra coa aplicación dun filtro biolóxico para a depuración da auga.