El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

"Contamos con produtos que non se atopan aquí"

{ XENTE NOSA }O multicentro Daniel Pernas está en Pontevea // Abre todo o ano en horario ininterrompido

Fachada do multicentro Daniel Pernas de Pontevea - FOTO:  I. P.
Fachada do multicentro Daniel Pernas de Pontevea - FOTO: I. P.

ALBA PRADA  | 21.07.2019 
A- A+

Para falar do multicentro Daniel Pernas hai que remontarse ao ano 1869, momento no que nacía baixo o nome de Casa Alberte e cuxa actividade estaba centrada na comercialización de viños e comestibles. O negocio foi medrando e, de feito, no 96 a nave viviu unha importante reforma ao ampliarse ata os 500 metros cadrados actuais e modernizarse.

Segue en mans da mesma familia que o puxo en pé e conserva o espírito innovador de sempre. Hoxe, o responsable do negocio, ubicado na rúa Ignacio Varela, 27, en Pontevea (Teo), é Isidro Pernas Rodríguez, que leva xa dúas décadas traballando na tenda, antes incluso de que se xubilasen seus pais. "O multicentro creceu, pero segue a ter o mesmo obxectivo: lograr que a xente non teña a necesidade de desprazarse ata Santiago porque aquí atopa de todo no mesmo establecemento", explicou. E é que teñen á venda nin máis nin menos que 200.000 referencias de produtos do máis variado: calzado, téxtil, alimentación, papelería, menaxe, panadería artesanal galega, pinturas, xoguetes, prensa, artigos de ferretería e fontanería e incluso hai servizo de copia de chaves.

Á parte do amplo surtido de posibilidades, os clientes poden mercar neste local os 356 días do ano en horario ininterrompido. "Hai 16 persoas empregadas para poder facer turnos e así manter aberta a tenda tanto tempo", indicou o responsable.

O traballo sen descanso é, sen dúbida, un dos segredos de que un negocio se manteña vivo 150 anos. E outro é renovarse, non estancarse nunca e arriscar. "Temos uns 200 provedores e, para os artigos de menaxe, moitos son estranxeiros, polo que os clientes poden atopar con nós artigos que aínda non adoitan verse aquí", comenta. "Por exemplo, cando se puxo de moda o gancho para suxeitar as toallas, xa levabamos dous anos vendéndoos porque os trouxemos dunha casa holandesa", engade ao respecto.

Iso si: para alimentación apostan só por produtos galegos "porque a calidade gastronómica daquí non se pode conseguir noutro lado", di. Pero tamén neste apartado se atreven a probar cousas novas. "Agora conseguimos facernos cunhas conservas de mexillóns á vinagreta, unha gama que acaba de saír, e a verdade é que está a ter moito éxito", comentou o responsable do centro. "A mecánica é sempre así: imos introducindo cousas distintas para ver se funcionan e, se sae mal, pois despois facemos ofertas de liquidación", explicou.

E, con ánimo de innovar, tamén están investindo en novas tecnoloxías para, a longo prazo, poder chegar máis fácilmente a todos os veciños da contorna. Tamén están activos en redes sociais como Facebook, Twitter ou Instagram.

O vindeiro sábado, día 27, con ánimo de celebrar os 150 anos de vida do multicentro Daniel Pernas, convidan a todos os clientes a participar nunha gran festa, que arrancará no local cunha degustación, ás 12.30 h, e que seguirá o resto da xornada con concertos, espectáculo de maxia, contacontos e inchables para os nenos.

"Traemos de fóra moitos artigos de menaxe que sorprenden aos nosos clientes"

 

" En alimentación só hai materia galega, porque a nosa calidade non se pode conseguir noutro lado"