El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Contratadas corenta persoas co apoio do plan Galicia Emprega

Incorporáronse a empresas de 12 concellos da Costa da Morte // Recibirán tamén formación

Rodeiro, 2º esda., García e Rojo en Ponteceso - FOTO: Xunta
Rodeiro, 2º esda., García e Rojo en Ponteceso - FOTO: Xunta

JOSÉ M. RAMOS  | 03.12.2019 
A- A+

Corenta persoas de Costa da Morte foron contratadas por empresas de doce concellos da zona a través do programa Galicia Emprega, que ten como obxectivo apoiar a formación e contratación de desempregados pertencentes aos colectivos con máis dificultade para obter un posto de traballo, como son mulleres, parados de longa duración, mozos e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión.

A Xunta de Galicia adicou a tal fin unha achega de máis de 254.000 euros, segundo confirmou o seu delegado, Ovidio Rodeiro, durante o encontro que mantivo onte co empresario David Rojo Novo, de Ponteceso, no que participou tamén o alcalde, Lois García, entre outros.

As empresas beneficiadas están situadas nos concellos de Carballo, Malpica, Cabana, Vimianzo, Ponteceso, A Laracha, Zas, Muxía, Cee, Fisterra, Cerceda e Camariñas. Das corenta persoas contratadas, 18 correspóndense coa liña Emprega Muller, 18 coa de Emprega Xuventude e 4 coa de Emprega Parados de Longa Duración.

Rodeiro asegurou que o plan inclúe un bono formación para que os traballadores poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial. A cualificación dos que son contratados de xeito inicial por 12 meses, a xornada completa, para que reciban unha formación mínima de 50 horas incentívase con 2.000 euros. Se o contrato é indefinido, o bono increméntase ata os 4.000 € e a formación terá que acadar as setenta horas.

No 2020, segundo sinalou o delegado da Xunta, Galicia Emprega terá un orzamento de 10,5 millóns de euros, un 12% máis ca na convocatoria deste ano.