El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Costa da Morte GDR aprobou sete novos proxectos Leader

Xerarán un investimento de case dous millóns // Outras dez iniciativas pasan á lista de agarda

Carballo acollerá unha fábrica de pinturas - FOTO: Xestur
Carballo acollerá unha fábrica de pinturas - FOTO: Xestur

JOSÉ M. RAMOS VIMIANZO   | 14.08.2019 
A- A+

A xunta directiva da Asociación Costa da Morte GDR, que preside Manuel Muíño, aprobou sete novos proxectos para os que os seus promotores solicitaron axudas ao abeiro do Programa Leader 2014-2020. Xerarán un investimento total de 1.984.355,94 euros, e as axudas ascenderán a 554.636,9 €.

A lista de iniciativas seleccionadas inclúe a creación dunha fábrica de cervexa artesanal en Fornelos (Zas); unha pensión de tres estrelas en Castro (Dumbría); unha fábrica de pinturas e produtos químicos, que se instalará no polígono industrial de Bértoa (Carballo); un centro de elaboración de iogures artesanais en Loalo-Frixe (Muxía); un campamento turístico de bungalows na Torre (Laxe); unha pensión de tres estrelas en Fisterra e a implantación do campamento turístico O Arume, en Salgueirón (Laxe).

Dende o GDR informan que, a maiores, hai outros dez proxectos que pasan á lista de agarda. Trátase da creación dun hotel de dúas estrelas en Corcubión; un plan de melloras tecnolóxicas nunha industria hortifrutícola na Laracha; os campamentos turísticos Ondas do Mar e Lires, en Cee; o aparthotel Ría de Lires (Cee); a construción dunha nave para taller de carpintería metálica, en Ponteceso; un proxecto de modernización, ampliación e melloras tecnolóxicas en Carballo; un hotel dunha estrela en Corcubión; a modernización dunha empresa de obras e servizos e As Lavandeiras de Soneira, no Concello de Vimianzo.

Ademais, foron excluídas outras catro iniciativas, unha delas por non ser elexible ao abeiro da estratexia do GDR e tres por non presentar a documentación requerida para a súa xestión.