El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Costa da Morte ofrecerá en Fitur catro formas de vivir

Divulgará o seu carácter mariñeiro, a natureza salvaxe, as tradicións, a maxia do Camiño, o Gran Fondo Ézaro e a candidatura a reserva mundial de surf // O 24 darán a coñecer á Ponte Maceira como un dos pobos máis bonitos

Xosé Regueira no expositor da Deputación da Coruña - FOTO: D.C.
Xosé Regueira no expositor da Deputación da Coruña - FOTO: D.C.

J. M. R.-M.M.  | 21.01.2020 
A- A+

A Asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT) presentará mañá o xeodestino no pavillón de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro. A campaña terá como lema Catro formas de vivir Costa da Morte intensamente, e estará apoiada nos catro valores da marca contemplados no plan de acción 2019-2021.

Así, resaltarán o carácter mariñeiro destas comarcas atlánticas, froito da influencia da costa a través dos oficios do mar, a gastronomía e a artesanía, pero tamén o amplo abano de actividades deportivas e de turismo mariñeiro que se ofertan nestes concellos. A presentación fará fincapé na natureza salvaxe da Costa da Morte, na súa versión máxica e espiritual personificada no misticismo das lendas, romarías e festividades relixiosas pagás e no Camiño de Santiago. As tradicións, o folclore, o patrimonio, as feiras e mercados serán outros dos elementos a destacar.

Na presentación participarán o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e o presidente da CMAT e alcalde de Muxía, Iago Toba, e as súas intervencións complementaranse coa proxección un vídeo exclusivo.

A zona tamén estará moi presente nos actos promocionais da Deputación da Coruña na feira, onde, segundo o deputado de Turismo, Xosé Regueira, "o Gran Fondo Ézaro, a candidatura da Costa da Morte a reserva mundial de surf e o Xeoparque de Ortegal serán os eixos de actuación".

E, sen saír do mesmo foro, despois de dar a coñecer os novos quince municipios integrados na rede dos Pueblos más Bonitos de España o pasado 1 de xaneiro, a asociación que lanzou esta iniciativa fará entrega no citado sectorial de cadansúa acreditación como membros dunha iniciativa que xa suma 94 localidades españolas. Nesta ocasión, a única galega será a de A Ponte Maceira, un antigo núcleo de inmobles de pedra con blasóns que divide o río Tambre entre os municipios de Ames e Negreira.

O acto de entrega de acreditacións e presentación das novas localidades terá lugar o vindeiro venres, 24 de xaneiro, ás 11.45 horas, no estand de Turespaña neste feiral líder adicado ao turismo.

Na entrega de diplomas participará Teresa Ribera, vicepresidenta de Transición Ecológica y Reto Demográfico. Tamén estarán Isabel Oliver Sagreras, secretaria de Estado de Industria, Comercio y Turismo, e Irene Lozano, secretaria de Estado de la España Global, do Ministerio de Asuntos Exteriores.

As localidades que se incorporan á asociación son: Alcudia (Baleares), Atienza (Guadalajara), Betancuria (Forteventura), Castellar de la Frontera (Cádiz), Castillo de los Polvazares (León), Culla (Castellón), Mogrovejo (Cantabria), Monteagudo de las Vicarías (Soria), Olivenza (Badajoz), Pastrana (Guadalajara), Pollença (Mallorca), Ponte Maceira (A Coruña), Robledillo de Gata (Cáceres), Teguise (Lanzarote) e Vinuesa (Soria). Todas elas poderán mellorar a súa sinalización e dar a coñecer o seu nome por toda a península como un dos pobos máis estéticos a nivel estatal.