Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Críticas á pouca promoción turística de Ames en Fitur

Segundo os populares durante a celebración da feira non houbo ningunha oferta para o Concello, excepto unha ruta

O pasado mércores, 23 de xaneiro, daba comezo a Feira Internacional de Turismo (FITUR) en Madrid, onde Galicia leva a cabo no seu stand unha clara aposta polo turismo, na que participan as Deputacións provinciais e diversos concellos que ofrecen en conxunto unha serie de recursos turísticos; moitos deles co fin de aproveitar o Camiño de Santiago. Respecto a isto, os populares consideran que Ames pode promocionarse xa que tanto o camiño portugués coma o camiño a Fisterra transcorren por diversas parroquias do concello.

Dende o PP de Ames entenden que hai unha gran oferta de casas de turismo rural, algo que "podería atraer aos turistas que chegan a Santiago e buscan un aloxamento dentro da natureza, onde poder descansar uns días antes de voltar ao seu punto de orixe, así como para servir de estancia no propio Camiño", indican os populares. "Isto pode complementarse coas rutas e sendas, como a de Riamonte; pero tamén coa arquitectura, tanto relixiosa como civil, que inclúe as igrexas das nosas parroquias, os pazos galegos ou as pontes de Augapesada e Maceira".

Non en tanto, apuntan dende o PP, o goberno de Ames presentou tan só catro investimentos en promoción turística nos orzamentos de 2018. Algo que lles critican, pero sobre todo, non entenden "a oportunidade perdida por parte do goberno en canto á promoción turística na Feira Internacional de Turismo". Segundo din, dentro do espazo habilitado para o xeodestino Terras de Santiago "non hai ningún tipo de oferta para o noso Concello, exceptuando a ruta As pegadas de Rosalía, proxecto conxunto con Brión, Padrón e Santiago". Algo que, pola contra, indican os populares, "non ocorre cos Concellos de Boqueixón, A Estrada ou o propio Padrón; que intentan promocionar os seus diferentes recursos de forma individual". Consideran isto moi perxudicial para os amesáns, sobre todo para os establecementos adicados ao turismo e á hostalaría.

PLENO

No vindeiro pleno preguntarán polas xestións levadas a cabo cos concellos da contorna en canto promoción, tendo en conta que por eles transita o Camiño. Tamén se interesarán pola adecuación da entrada do Camiño no Milladoiro.

28 ene 2019 / 22:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito