El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Denuncian o esquecemento de 14 mámoas en Cabana

Senda Nova fala de "desfeita" // Só catro están nun estado "medianamente pasable"

Camiñantes percorrendo a Ruta das Mámoas en Cabana, guiados por Senda Nova - FOTO: ECG
Camiñantes percorrendo a Ruta das Mámoas en Cabana, guiados por Senda Nova - FOTO: ECG

JOSÉ M. RAMOS   | 16.04.2019 
A- A+

Case corenta camiñantes saíron o domingo a percorrer o Roteiro das Mámoas polo sur do Concello de Cabana de Bergantiños no marco da Primavera en Ruta que promove a asociación Senda Nova.

Gozaron da paisaxe e do contacto co medio, pero como é costume nas andainas que organiza o colectivo ambiental, tamén sacaron conclusións do que viron e, seguramente, non desexaban ver. A zona acolle unha concentración dunhas catorce mámoas nun pequeño espazo xeográfico, pero "apenas catro se atopan en estado medianamente pasable de conservación", denuncia José M. Menéndez, presidente de Senda Nova.

O eucaliptal que cubre o valioso patrimonio, engadíu, "foi achanzado coas máis pesadas máquinas e a desfeita é tan espectacular, que non por visitala ano a ano deixa de sorprender". Asegura que é dificil lembrar situacións deste estilo "no xa ben agredido patrimonio da Costa da Morte; por suposto, a autovía foi un excelente aliado na desfeita", explicou.

Dende a asociación afirman que a zona é un campo de xacementos megalíticos excelente, que se complementa de maneira máxica coa aparición de petróglifos: "Trátase dunha área de concentración de patrimonio inusual dentro da xa abondosa e rica xeografía da Costa da Morte".

Os sendeiristas comezaron a andaina no lugar da Piolla, ao pé dunha plantación de castiñeiros que visitan todos os anos e que neste 2019 foi a orixe dos pequenos fillos da plantación promovida por Senda Nova o Día da Árbore.

É, non obstante, unha illa nun espazo que "como tantos outros, é representativo da eucaliptización drástica, e os castiñeiros son testemuñas soamente de actuacións que por extensas non deben ser normais, máis aínda cando se trata de localizalas nunha das áreas con maior concentración de patrimonio", afirma o presidente da asociación ambiental.

Á marxe do que non lles gustaría ver, gozaron doutros elementos patrimoniais como Castro de Anido, o Pazo de Casanova e a súa "heráldica impoñente" ou a Igrexa Parroquial de Nantón "nun enclave fermoso, acolledor e armónico".

Percorreron tamén o val pechado do Rego do Rempenín, polo que se deixaron levar para gozar e inmortalizar coas cámaras fotográficas os Muíños do Abelán, a Capela de San Brais e o Pozo d'Orca. No último treito camiñaron por estreitos camiños ata a Igrexa de Rioboo, que conserva un retablo barroco de exquisita fabricación, e remataron a xornada diante da Torre da Penela, "asentada no corazón do agro máis representativo desta comarca".









Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...