El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Deputados coruñeses de Área

Cinco pertencen ao PP, catro ao PSOE e dous serán do BNG // En segunda quenda entrarán na Deputación Taboada, Alfonsín, Pego, Pérez e Villaverde

MARCOS MANTEIGA  | 25.06.2019 
A- A+

O pleno da Deputación da Coruña cobra forma, e aparte da elección do presidente -o PSOE propón de novo a Valentín González-, Área de Compostela sumará once dos trinta e un deputados: cinco do PP, catro do PSOE e dous polo BNG. Do mesmo xeito, nalgúns casos haberá novos representantes nos últimos dous anos de mandato, relevando aos que foron propostos nestas listas.

Dende o Partido Popular da comarca de Santiago os elexidos foron os composteláns Agustín Hernández e Evaristo Ben, xunto co alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e a voceira de Melide Dalia García Couso. Estes dous últimos permanecerán dous anos para, posteriormente, darlle paso ao alcalde do Pino, Manuel Taboada, e ao voceiro de Dodro, Valentín Alfonsín.

No que atinxe ao Partido Xudicial de Carballo, o edil do Concello cabeceira, José Muíño, compartirá acta de deputado co tamén rexedor de Laxe, José Luís Pérez Añón, dous máis dous anos. Para rematar, e sempre pendentes da constitución e xura de cargo, a proposta unánime dos populares pasa porque os portavoces da Pobra e de Outes, Manuel Durán e Beatriz Molinos, compartan acta co edil de Porto do Son, José Javier Pego, e a rexedora lousamiá, Teresa Villaverde.

Os socialistas, pola súa banda, pasaron de oito a 11 deputados, incrementando un cargo máis nos partidos xudiciais da Coruña, Santiago e Noia. Valentín González Formoso será o seu elexido para presidir de novo a Administración coruñesa cunha candidatura foi refrendada cun 98% de apoios no comité provincial, no que están representadas todas as agrupacións da provincia. A Comisión Provincial de Listas, tras revisar a proposta remitida pola Executiva Provincial para elaborar as candidaturas aprobou as seguintes: no Partido Xudicial de Ferrol, Valentín González Formoso (As Pontes) e Ana Lamas Villar (Ferrol); no Partido Xudicial de Betanzos, Bernardo Fernández Piñeiro (Pontedeume); no Partido Xudicial da Coruña, José Manuel Lage Tuñas (A Coruña), Cristina Capelán Cancelo (Cerceda) e José Ramón Rioboo Castro (Culleredo); no Partido Xudicial de Corcubión, José Manuel Pequeño Castro; no Partido Xudicial de Noia, Sandra González Castro (Noia), e no Partido Xudicial de Santiago, Antonio Leira Piñeiro (Oroso), María Milagros Castro Sánchez (Santiago) e José Blas García Piñeiro (Ames).

Para rematar, no BNG repite responsabilidade polo Partido Xudicial de Carballo Xosé Regueira, edil na capital de Bergantiños, e constan Xurxo Couto, concelleiro por Arteixo, dentro do Partido Xudicial da Coruña; María do Carme Muíño, concelleira en San Sadurniño (Partido Xudicial de Ferrol) e Xosé Lois Pena, edil en Brión, do Partido Xudicial de Santiago.

{ TRASQUIILATOR }

Sen moito senso

dende estas páxinas a­doitamos defender o valor das deputacións como administración que achega recursos aos concellos, por cativos que sexan, equilibrando precisamente esta circunstancia. O problema é que cando se constitúe de novo tralas eleccións municipais, calquer cidadán toma consciencia de que en moitos casos esta institución coruñesa semella máis unha sorte de cemiterio de elefantes para recompensar aos que non acadaron ou non revalidaron a súa concellaría/alcaldía. E claro, sen entrar a valorar se fixeron ben ou mal o seu labor, deberiamos ser algo máis serios, e primar aos mellores. Porque para iso lles pagamos.

A PROTAGONISTA

Goretti Sanmartín

Vicepresidenta provincial lembranza para ánxela franco

A memoria da deputada de Igualdade e Servizos Sociais recentemente falecida, a sonense Ánxela Franco, presidiu a entrega de premios do certame de proxectos educativos pola igualdade Concepción Arenal que recolleron representantes de centros de Miño, Carballo -gañou o CEIP Romero en Primaria con Revelando igualdade- e Cambre e nenas e mozas da Coruña e Ferrol. A vicepresidenta da Deputación en funcións, Goretti Sanmartín, lembrou un lema que a deputada Franco repetía: "Para combater o machismo é necesario traballar nas xeracións máis novas", e referiuse a que deixou dúas mensaxes: traballar no empoderamento feminino e cos máis novos para combater o machismo.