El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Descontos e sorteos mañá na Noite Aberta de Melide

Participan un total de 26 establecementos locais de distintos sectores // Van repartirse mil euros en premios durante a xornada // Poderán realizarse as compras dende as cinco da tarde e ata as doce da noite

Varias persoas saíndo de mercar en M&M Moda na edición do ano pasado - FOTO: ECG
Varias persoas saíndo de mercar en M&M Moda na edición do ano pasado - FOTO: ECG

CLAUDINA ESTÉVEZ   | 20.06.2019 
A- A+

Mañá venres o Centro Comercial Aberto Asetem de Melide (CCA-Asetem) anticipará as rebaixas no municipio coa celebración dunha nova edición da Noite Aberta. Unha iniciativa na que este ano participarán un total de 26 establecementos locais que ofrecerán aos consumidores grandes descontos. Entre eles atópanse todos os sectores: moda, calzado, complementos, electrodomésticos, deporte, ópticas, saúde ou entretemento para os pequenos, entre outros.

A xornada de compras extenderase dende as cinco da tarde e ata as doce da noite e os locais ofrecerán apetecibles descontos que chegarán ao 70%, así como ofertas de 2x1 e mesmo 3x1. Pero a parte disto, repartiranse mil euros en premios durante a xornada. Para iso nos establecementos participantes entregaranse tarxetas rasca con cada compra que permitirán optar a diferentes agasallos directos así como aos premios dun sorteo que se celebrará ao remate.

Para participar nel será preciso depositar as tarxetas rasca adquiridas durante a tarde, debidamente cumprimentadas, nunha urna situada no Cantón de San Roque. Será a partir das 00.00 horas cando se proceda ao sorteo así como á entrega dos agasallos correspondentes. Con todo, aqueles que ao longo da tarde obtivesen un premio directo na tarxeta rasca poderán recollelo dende as 23.00 horas tamén no Cantón de San Roque. Dende Asetem explican que os consumidores poderán gañar numerosos vales desconto, lotes de produtos locais, un circuíto termal e moitas outras sorpresas.

A cantante e colaboradora televisiva Eva Iglesias, imaxe do Centro Comercial Aberto Asetem, estará tamén presente nesta nova edición. A artista galega achegarase ata o municipio para visitar as diferentes tendas durante a xornada de compras e participar no sorteo final. Todos aqueles que o desexen tamén terán a oportunidade de fotografarse con ela nun photocall que os organizadores instalarán para a ocasión.

"A Noite Aberta é, xunto á de Nadal, unha das campañas que mellor funciona no comercio local", apuntou Pilar López, xerente do CCA Asetem, "máis que nada polos prezos reducidos, as promocións, o ambiente festivo que anima a mercar e tamén o atractivo de saber que podes obter algún que outro agasallo", engade.

LOCAIS Os 26 establecementos melidenses que participan este ano ofrecendo grandes descontos na Noite Aberta melidense serán Alain Afflelou, Calzados Broz, Colorín Colorado, Diba Pro Hair & Beauty, Ekaté, Electrosan, Grupo Noguerol, Leiva Motosport, Magnín Moda, Mercería Isabel, Mercería Marvi, Mis Mejores Labores, Modas Dándolo, Muxica-Tenda Xoven, M&M Moda, Óptica Tábora, Parafarmacia O Cantón, Pasarela, Romero Zapaterías, Salacadula Shop, Sisuka Moda, Sport Moda, Sueños, Toys Maniatic, Tu Boutik e Zapatería Pequeniños. Por certo que na organización desta iniciativa para incentivar o comercio da zona colaboran o Concello de Melide e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio.