El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Os desfiles e atranques dos xenerais encheron as rúas de todo Área

A Estrada e Touro viviron onte os tradicionais altos dos protagonistas do Entroido da Ulla // En Ribeira vestíronse as rúas de música e cor no desfile // Zas repartiu de balde centos de filloas // A Baña e Ordes deixarán para o sábado o percorrido e en Brión será o domingo

Ver galería

C. ESTÉVEZ  | 26.02.2020 
A- A+

O Martes de Entroido deixou en varios concellos de Área de Compostela grandes festexos, desfiles e certames de disfraces. Para moitos foi á vez o día grande e o punto e final á cita carnavalesca, para outros a festa aínda continuará a fin de semana.

A batalla dialéctica dos xenerais da Ulla foi onte protagonista en Touro, concretamente na parroquia de Fao. A actual situación política que vive España e a súa crispación foron os temas centrais dos atranques. Os xinetes concentráronse a partir das 17.00 horas no campo da festa e chegaron despois os consellos dos frades. O espectáculo rematou co Enterro do Antroido. A Estrada foi o outro municipio que acolleu onte os altos dos xenerais, no campo da feira Sermón do Padre Xiao. Tamén se celebrou o concurso e entroido tradicional polas rúas da vila. O sábado aínda continuará a festa na parroquia de Arnois e o domingo na de Santeles. No caso de Arzúa, aínda que o desfile foi xa hai dúas fins de semana, onte tiña lugar un baile de disfraces, chocolatada e xogos. Melide celebraba asemade onte o seu certame entroideiro e entregaba os premios aos mellores.

Tamén se despedirá do Entroido o vindeiro sábado o Concello de A Baña, día no que organizará o concurso de disfraces, no que se repartirán 3.600 euros en premios. Pola súa parte, Ordes celebrou onte no pavillón Campomaior unha gran festa con inchables, obradoiros, xogos e baile para os nenos. Tamén terá lugar o desfile o sábado, ás 17.00 horas. No caso de Brión, haberá que agardar ata o domingo. O concurso de disfraces repartirá 2.760 €.

No caso do Milladoiro, o certame entroideiro foi xa o luns. Acudiron sete grupos e trece comparsas. Na categoría infantil houbo vinte inscritos e na de adultos rexistráronse 21 inscricións. En Noia, o luns celebrouse no pavillón Agustín Mourís o concurso infantil de disfraces, no que se repartiron 1.860 euros en premios. E onte ás 19.00 h, tivo lugar o tradicional Velorio da Sardiña, día no que as rúas de Ribeira se encheron de música e cor durante o desfile de comparsas e charangas, que rematou nunha carpa no Malecón co certame no que o alcalde, Ruiz, entregou os premios disfrazado de emperador.

Xa na Costa da Morte, A Laracha, Fisterra e Zas celebraron onte o día grande con concursos de comparsas nos que se repartiron 3.000, 3.300 e 1.170 € en premios, respectivamente. Na capital zaense, ademais repartiron de balde centos de filloas. En Cee e Muxía os protagonistas foron os pequenos, xa que se celebraron cadansúas festas infantís, nas que non faltou a degustación de doces de Entroido. En Vimianzo ademias de degustalos, os pequenos aprenderon onte a facer rosquillas na casa da cultura.

INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA

O Entroido da Ulla celebrou onte dous atranques. Foron en concreto nos municipios de A Estrada e en Touro, na parroquia de Fao. Os xinetes concentráronse a partir das 17.00 h e o espectáculo rematou co Enterro do Antroido.

O sábado de piñata desenvolveranse os altos en Arnois (A Estrada) e en San Xián de Sales (Vedra). O 1 de marzo estarán en Boqueixón, no marco da Festa da Filloa de Lestedo. Tamén en Vila de Cruces e en Santeles (A Estrada).

O 5 de marzo haberá atranques en Fonte Díaz (Touro).

RALLY PARÍS-DAKAR EN NOIA

O Rally París-Dakar porá o broche de ouro ao Entroido de Noia o venres. Ademais, nesta edición ampliaranse os premios do certame para os disfraces do municipio coa finalide de promover a participación dos veciños.

Onte Noia velou o cadáver da sardiña, no transcurso d­unha chocolatada servida polo colectivo de usuarios da praza de abastos. Actuaron Los Tristes na Praza do Curro. O enterro será mañá despois dun desfile animado pola charanga Licor K e as lloronas de A Rueirada de Muros.