El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Dodro benefíciase das axudas de Aprol Rural, dirixidas a desempregados

Con este programa poderase contratar persoal para limpeza e xestión do monte

C.E.   | 16.04.2019 
A- A+

Onte o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín, visitaban no municipio unha das zonas nas que traballarán os catro desempregados contratados a través das axudas de Aprol Rural. Trátase dun programa que acaba de resolver a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para que os concellos contraten persoal para labores de limpeza e prevención de incendios.

A Xunta vai financiar o 100% dos contratos que fagan as entidades locais do rural galego, que deberán estar vinculados á realización de tarefas relacionadas coa xestión do monte e a prevención de incendios nas faixas secundarias.

Deste xeito, as persoas que non teñan traballo poderán ser contratadas para o desenvolvemento de actividades de silvicultura, limpeza de montes, a xestión da biomasa, a valorización forestal ou a planificación preventiva. A idea é proporcionarlles unha experiencia práctica e profesional para facilitar a súa insercción no mercado laboral.

En total, en toda a provincia da Coruña dáraselle emprego a 133 persoas cun investimento de 1,7 millóns de euros. O orzamento creceu respecto ao ano pasado nun 13%.