El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Don Carnal terá sorpresas en Barbanza e Noia-Muros

Na Pobra haberá verbena mascarada ambientada nos anos 30 // Boiro vai exaltar a orella de porco e terá Concilio de Abadesas// Repartiranse 36.350 euros en once concursos// Muros celebrará o tradicional enterro do Facundo

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, dereita, entregou os diplomas ós 25 participantes no curso de cociña de Entroido - FOTO: ECG
O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, dereita, entregou os diplomas ós 25 participantes no curso de cociña de Entroido - FOTO: ECG

REDACCIÓN  | 28.02.2019 
A- A+

As comarcas de Barbanza e Noia-Muros abren esta fin de semana unha variada programación do Entroido que inclúe algunhas novidades para render culto a don Carnal con música, espectáculos nas rúas, gastronomía, desfiles e, por suposto, concursos de disfraces e carrozas nos que se repartirán este ano máis cartos ca nunca: un total de 36.350€.

Ribeira realiza un importante incremento orzamentario respecto a citas anteriores, pasando dos 40.037 € do ano pasado a 55.357.Haberá actividades infantís no espazo de usos múltiples os días 1, 2, 4, 5 e 6; inchables nas vías e prazas (nas que se reforzou a iluminación con 65 arcos e outros elementos en zonas de ocio); animación cas charangas O Santiaguiño de Padrón, Os Celtas da Baña, BB+ ou Fanfarria Furruxa, que actuarán do 1 ó 10 de marzo en horario diúrno e nocturno; e concertos dos grupos locais Pan de Millo (sábado 2 ás 13.00 horas no parque de García Bayón) e Zafarrancho (luns 4 ás 13.00 horas na Praza de Uxío Novoneyra). Celebraranse ademais monólogos humorísticos con Padre Merino e Malala Ricoy (na Praza da Porta do Sol o sábado 2 ás 21.00 horas), sesións de baile para maiores (o mesmo día no Liceo Marítimo co Trío Arena e o domingo 3 ás 19.00 horas na Casa do Mar de Corrubedo co Dúo Carpe Diem). Asimesmo, eleváronse as contías dos premios dos certames ata 5.000 € (en lugar dos 1.000 € de edicións anteriores) dividíndoos en dúas xornadas: o luns 4 e o sábado 9. O festival de murgas e comparsas trasládase ó domingo 3 e repartirá 6.000 €.

Na Pobra, mañá venres hai parque infantil no polideportivo municipal con obradoiros e merendola a cargo das ANPAS O Areal, Bandaseca e Cadreche. O sábado será o Entroido Esperpéntico, de 12.30 a 14.00 e dende as 18.30 horas no Cantón da Leña. Trátase dunha verbena mascarada ambientada nos anos trinta. O domingo, tamén no pavillón da rúa Venecia, os máis cativos desfrutarán da Festa Pirata con animacións, zona de xogos xigantes e competición de disfraces para nenos e nenas de ata 14 anos cunha remuneración de 650€. A dos adultos será o martes 5 e outorgará 2.900 €. O desfile sairá da Covecha co acompañamento de Samieira, Talismán e Cor Café. En Boiro, a primeira cita será o Concilio de Abadesas, mañá. O sábado, dende as sete da tarde no Campo de Revelar, de A Boliña, terá lugar a XII Festa da Orella de Porco e sortearanse tres cestas con produtos típicos desta época. Dende as 21.00 horas, as peñas locais congregaranse nunha carpa na Praza da Mancomunidade. O domingo, a praza consistoral será tomada polos máis pequenos cunha variada oferta lúdica dende as cinco da tarde. O martes será o certame con 3.000 € en galardóns. O local multiusos do mercado de abastos converterase o sábado 9 en salón de baile.

O domingo día dez haberá catro enterros: o da Cunca (ás 15.00 horas en Praia Xardín); o do Óso (ás 16.30 horas no centro social de Abanqueiro); o do Felipiño (ás 17.00 horas no porto de Escarabote); e o da Sardiña (ás 20.30 horas no centro social da vila) e a cabalgata de Cabo de Cruz (12.00 h). E, en Rianxo, a asociación Rock in Rian organiza un festival mañá ás dez da noite nunha carpa da Praza de Castelao, na que o sábado haberá asimesmo talleres, posto larpeiro e actividades. O certame de carrozas será o domingo (1.500 € en varias categorías e 150 en accésits).

No polideportivo municipal, o deporte choqueiro será o protagonista o luns 4. Pero tamén haberá competitividade entre os propietarios das plataformas rodadas máis divertidas o sábado 9 no Campo de Pazos de Taragoña. Polo que respecta á comarca de Noia-Muros, o Concello de Lousame celebrará o sábado 2 o Festival de Entroido, que terá lugar a partir das 17.00 horas no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, en A Silva.

Ese mesmo día, en Noia, os cativos acudirán ao Concurso Infantil de Entroido no pavillón Agustín Mourís ás 17.30 horas. O Concello establece tres categorías: individual, parellas e grupos, e repartiranse 1.850 euros. A cita estrela da programación é o Rally París-Dakar, que o venres 8, na súa edición XXXV, distribuirá 8.000€ en dezanove galardóns diferentes. En Porto do Son, a primeira cita será gastronómica e terá lugar na praza de España o sábado. O domingo no mesmo lugar os máis pequenos desfrutarán do Concurso Infantil (ás 17.00 horas) e o martes os adultos poderán optar a 2.950€. En Muros, o domingo a partir das 17.00 horas as vistosas e orixinais agrupacións loitarán por gañar a comopetición de comparsas, con 3.525 euros en galardóns nas diferentes categorías. O mércores, ás 19.00 horas, terá lugar o tradicional enterro do Facundo. E, en Carnota, ademais da festa infantil e un obradoiro de regueifas, un tren viaxará o día 3 polas parroquias do concello.