El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Dúas toneladas e media de lacón con grelos nesta fin de semana para O Mesón do Vento

M.M.O.   | 23.02.2019 
A- A+

A XXI Festa do Lacón con Grelos do Mesón do Vento (Ordes), que se celebra hoxe e máis mañá, prevé que se vaian servir dúas toneladas e media do manxar a exaltar. O feiral abrirá ás 10.00 horas para albergar unha ampla mostra de gando e aves autóctonos, produtos do campo, artesanía, maquinaria e tamén feira medieval.

A todo isto, hoxe sumaráselle unha degustación de carne de cachena nos establecementos da zona a partir das 12.00 horas.

Ás 16.30 horas dará comezo a proba de agility canina e, unha hora despois, o IV Encontro Folclórico, coa participación de Sementes da Arte, Camiño Real de Poulo, Asociación Folclórico Cultural Veciños de Leira e as Pandeireteiras de Ardevento.

E mañá haberá mostra de cetrería, xuntanza cabalar e exhibición de todoterreos. Ás 11.30 horas serán a primeira poxa de gando e as probas de andadura e trote ata a tarde. Ademais, ás 12.30 horas haberá concurso morfolóxico de pura raza galega, xincana e carreira de burros dende as 18.00 horas. Organiza a cita o Concello ordense e colabora Africor.