El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Ecoembes e a Xunta crean no Camiño conciencia de reciclaxe

Arranca unha nova edición da campaña medioambiental dirixida a peregrinos e hospitaleiros // Forman parte da iniciativa un total de 222 ecoalbergues // Este ano incorporáronse as hospedaxes do Camiño Inglés

Pola esquerda, Manuel Taboada, Ángeles Vázquez e Nava Castro na presentación - FOTO: Xunta de Galicia
Pola esquerda, Manuel Taboada, Ángeles Vázquez e Nava Castro na presentación - FOTO: Xunta de Galicia

ALBA PRADA   | 12.06.2019 
A- A+

Que os miles de peregrinos que cada ano percorren o Camiño de Santiago poidan separar e reciclar os residuos que van xerando en cada etapa. Ese é o obxectivo principal da campaña Camino del Reciclaje, posta en marcha un ano máis por Ecoembes (organización medioambiental sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe de envases en España) e a Xunta, e que se presentou no Concello do Pino. Esta iniciativa ponse en marcha durante os meses nos que aumenta o número de peregrinos, de xuño a outubro, e conta coa implicación actualmente de 222 ecoalbergues galegos. Ademais amplíase a hospedaxes do Camiño Inglés, ao do Norte e ao Lebaniego en Cantabria.

Na edición pasada lográronse reciclar máis de 146 toneladas de envases só en Galicia, o que supuxo un 45% máis ca no 2017. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, destacou durante a presentación da cuarta edición deste proxecto que "a incorporación nesta edición do Camiño Inglés é unha alegría para todos. Para Galicia no seu conxunto son moi importantes este tipo de accións de sensibilización e de colocación de papeleiras de reciclaxe en establecementos de uso colectivo como os albergues, xa que teñen un resultado moi positivo".

Pola súa parte, o director de Xestión Local e Autonómica de Ecoembes, Fernando Blázquez, agredeceu á Xunta a súa colaboración e tamén ás administracións, hospitaleiros e peregrinos que van facendo o camiño "para llegar al Año Xacobeo 2021 más sostenible y comprometido con el reciclaje de la historia", apuntou.

Unha das novidades deste ano é a Compostela do EcoPeregrino, que poderá obterse nos albergues que participan na iniciativa. Por cada camiñante que suba unha foto dela con tres selos ao Instagram ou Twitter prantarase unha árbore. Tamén está xa dispoñible na web Camino del Reciclaje o bot do reciclaxe, que resolverá aos ecoperegrinos as dúbidas que lles xurdan na viaxe.

Coa idea de que os hospitaleiros fagan os seus albergues sostibles, entregóuselles un kit con distintos materiais. Entre eles, dous ou catro cubos amarelos (para depositar o plástico, briks e latas) e azuis (papel e cartón); pegatinas con ecotips como "Cierra el grifo ante el derroche de agua"; ou un calendario con ecoconsellos e días clave para o medio ambiente. Ademais un peregrino misterioso visitará todos os albergues para ser testemuña da implementación destos materiais. Posteriormente Ecoembes sorteará unha mellora sostible para o local que demostre o seu compromiso cos valores de Camino del Reciclaje.

Este programa nacía no ano 2015 en Castela e León e pouco a pouco foi extendéndose a outras comunidades. Ata Galicia chegaba no 2016 e a idea é que siga ampliándose nas próximas edicións.

{ A OLLADA}

Coidar o noso entorno

toda iniciativa que teña como finalidade coidar o medio ambiente é sempre non só necesaria, senón tamén urxente. Algo tan sinxelo como reciclar, que dende logo non costa nada, é xa un gran paso para conseguir tal fin. Este proxecto crea conciencia máis alá dos propios fogares, pois chega aos hospitaleiros e aos miles de peregrinos que fan o Camiño. Unha iniciativa que mantén a salvo o medio ambiente e que axuda a que a ruta Xacobea se manteña limpa e en bo estado de conservación. Hai que dar a noraboa a Ecoembes e a Xunta, pero tamén aos camiñantes e aos 222 albergues galegos que xa se comprometeron con este proxecto.

A PROTAGONISTA

Ángeles Vázquez Conselleira de Medio Ambiente

"PODEMOS MULTIPLICAR AS CIFRAS"

A conselleira destacou os bos resultados que este programa vai obtendo cada ano, e que de feito van mellorando. Por isto apuntou que "parte do éxito desta iniciativa responde á colaboración dos albergues, ao esforzo dos peregrinos e ao traballo de Ecoembes e do Goberno galego que aportan contedores de reciclaxe nos distintos establecementos de hospedaxe participantes". Con todo, convidou a multiplicar as cifras rexistradas e a aproveitar o potencial que ofrece o Camiño de Santiago. Argumentou asemade que "hai moitos pequenos xestos ao alcance de todos que contribúen ao coidado do medio ambiente e á loita contra o cambio climático, como é a boa xestión dos residuos, algo que permite contribuír ao establecemento dunha economía circular, que esixe da implicación de toda a poboación".