El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Empresas da Estrada din non atopar man de obra axeitada

Concello, patronal e Fundación Cultural unen esforzos a favor do emprego // Traballarán para ofrecer formación

Fernando Martínez, esquerda, e José López Campos, na firma do convenio - FOTO: Sangiao
Fernando Martínez, esquerda, e José López Campos, na firma do convenio - FOTO: Sangiao

SOL ELVIRA A ESTRADA   | 11.01.2019 
A- A+

O presidente da Asociación Comarcal de Empresarios (ACE) da Estrada, Fernando Martínez, afirmou que algunhas empresas da zona non atopan man de obra axeitada para os postos que precisan cubrir. Martínez fixo estas declaracións tras firmar un convenio polo que o Concello, ACE e a Fundación Cultural se comprometen a unir esforzos en favor do emprego.

As tres entidades traballarán para prover de formación aos demandantes de emprego e deste modo subministrar traballadores cualificados ás empresas que precisan man de obra.

A Estrada conta con varias alternativas postas en marcha dende o Concello orientadas a fomentar o emprego, segundo explicou o alcalde, José López Campos. O rexidor enumerou proxectos como o Programa Integral de Emprego, que nesta cuarta edición forma a un cento de persoas desempregadas; os cursos AFD, dos que hai cinco en funcionamento; o plan de incentivos a emprendedores; o plan de emprego municipal, que conta cun presuposto de 600.000 euros anuais e permite contratar moita xente; e o obradoiro de emprego, que vai xa pola sexta edición.

"Estas iniciativas forman ás persoas desempregadas ofrecéndolles unha oportunidade de atopar un traballo alonxado da precariedade instaurada nos últimos anos tras o paso da crise económica", matizou López Campos.