El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

A escola infantil de Arzúa terá 35 prazas máis o vindeiro curso

As obras suporán un investimento total de 150.000 euros // Aproveitarase para facer algúns traballos de reforma no centro educativo// O Concello asinou un acordo de colaboración coa Consellería de Política Social

José Manuel Rey Varela e José Luis García López durante a frma do convenio de colaboración
 - FOTO: Xunta
José Manuel Rey Varela e José Luis García López durante a frma do convenio de colaboración - FOTO: Xunta

ALBA PRADA   | 10.08.2018 
A- A+

O alcalde de Arzúa, José Luis García López, acudiu onte ata os despachos en San Caetano da Consellería de Política Social para asinar un acordo de colaboración que permitirá ampliar o número de prazas na escola infantil de Arzúa. Centro este que pertence á rede Galiña Azul da Xunta de Galicia. O obxectivo deste acordo non é outro que mellorar as posibilidades de conciliación das familias que teñen cativos de ata tres anos de idade.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, indicou que a intervención prevista no centro permitirá aumentar a oferta da escola en 35 prazas, ao pasar de 41 prazas repartidas en tres unidades a 76 en cinco. Actuación esta que permitirá elevar a taxa pública de cobertura para nenos de entre cero e tres anos e paliar a lista de agarda que veu soportando este recurso durante os últimos anos.

Os traballos van supoñer un investimento total de 150.186,46 euros, dos que o Consorcio porá 100.000 (cunha achega dos Fondos Feder) e o montante restante, 50.186,46 euros, corresponderanlle ao Concello arzuá. A parte da ampliación, vaise aproveitar para facer algunhas actuacións de reforma na escola para mellorar a prestación do servizo e facilitar a conciliación familiar e laboral. O rexedor de Arzúa indicou que estas obras de reforma consistirán en xeral no "cambio de mobiliario e no arranxo do chan". José Luis García amosouse encantado de que "despois dunha reivindicación que vén de moitos anos atrás" por fin a ampliación da escola infantil vaia ver a luz.

Por certo que onte o conselleiro de Política Social asinaba tamén un convenio de colaboración para incrementar a oferta de prazas na escola infantil de Cedeira, da rede Galiña Azul. No caso deste centro, a oferta incrementarase en 20 prazas, pasando das 58 que ten actualmente distribuídas en catro unidades a 78 prazas en cinco. Asemade, a ampliación virá acompañada tamén dunha importante reforma nas instalacións: aumentarase o espazo das aulas, cambiarase por completo a cociña e instalarase un sistema de ventilación natural na área de descanso para nenos de 0 a 1 anos, así como elementos de protección no desnivel interior que existe entre plantas.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt