El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Escolares de Boiro xogan ca meteoroloxía e a agricultura

Reciclan e fan compost para abonar un horto no que cultivan legumes, hortalizas e verduras // Miden a diario a temperatura e o nivel de choiva // Ambientan as aulas empregando as súas propias plantas // No patio diversifican o ocio

Un grupo de alumnos realizando a medición diaria da temperatura e do nivel de choiva - FOTO: ECG
Un grupo de alumnos realizando a medición diaria da temperatura e do nivel de choiva - FOTO: ECG

SUSO SOUTO   | 06.12.2018 
A- A+

Este ano, o equipo docente do CEIP Santa María do Castro de Boiro apostou de forma contundente pola innovación educativa, mergullándose en varios proxectos novedosos. Un deles é o Proxecto Meteoescolas, pertencente ao Plan Proxecta da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, en colaboración con Meteogalicia. Consiste en facer medicións da temperatura máxima, mínima e nivel de choiva de forma diaria, tarefa que fai todo o alumnado do centro, dende os máis pequenos de 3 anos ata os maiores de 11.

En total participan 135 alumnas e alumnos. É o segundo ano que o fan, pero este curso é máis motivador porque son o único centro de Boiro aceptado nesa modalidade, un motivo máis para poñer dobre empeño en facelo perfecto e quedar ben representando á localidade.

Ademais destas tarefas tamén se traballan nas aulas refráns sobre o tempo, vocabulario temático, gráficas e climogramas cos datos da estación meteorolóxica do patio, tipos de fenómenos atmosféricos, a importancia do cambio climático, visita dalgún experto ou experta no tema, entre outras.

Por outra banda, outro proxecto que puxeron en marcha este curso pretende trasmitirlle ao alumnado o amor pola natureza e coidado da mesma. Por unha banda, potenciando a separación, reciclaxe e reutilización de residuos e pola outra, usando o composteiro que teñen no colexio para usar como abono para os hortos. Por iso, fixeron pequenos hortos para plantar todo tipo de plantas aromáticas ou decorativas, así como legumes, verduras e hortalizas de temporada, como grelos, repolos, fabóns, cebolas, remolacha, cenorias, etc.

Tamén mercaron macetas para cada aula de cara a darlle vida ao centro. Neste caso participa o 100% do alumnado do centro.

Non contentos con estes proxectos, decidiron embarcarse nun plan de formación de profesorado do centro que leva como título Patios inclusivos. A través do mesmo, todo o profesorado pretende dar unha alternativa de xogo nos recreos a aquel alumnado que non está interesado nos deportes maioritarios, como o fútbol ou o baloncesto.

Desta forma, están dándolle voltas para ofrecer tanta variedade de actividades lúdicas como diverso é o alumnado do centro educativo, potenciando así a plena inclusión educativa en todos os ámbitos, valor fundamental do centro boirense.

Este curso escolar promete ser entretido, xa que dende o centro, no segundo e terceiro trimestres, teñen planeadas charlas con mulleres que traballen no ámbito científico da Universidade de Santiago de Compostela e da de Vigo, colaboración ca asociación Amicos, unha semana cultural relacionada co deporte, unha Semana do Libro, saídas deportivas, charlas co Seprona, a Semana da Froita Escolar e un sinfín de actividades que de seguro farán as delicias do alumnado, así como a toda a comunidade educativa.

Iso é o que esperan polo menos dende o centro educativo: ser un referente no concello e na comarca do bo facer e do esforzo para conseguir enriquecer a aprendizaxe do alumnado que se matrícula neste centro e que se convirta na mellor das súas experiencias.