El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Estudantes do Barouta corren pola non violencia

Mañá os alumnos deste colexio van participar nunha carreira solidaria

E.P.   | 29.01.2019 
A- A+

Mañá mércores o CEIP de Barouta celebra, coa colaboración do Concello de Ames, a terceira edición da súa carreira solidaria con motivo da conmemoración do día pola paz e a non violencia. Acudirán os mestres, estudantes e familias do alumnado do colexio, pero tamén os rapaces de 6º de primaria do CEIP de Agro do Muíño, do CEIP A Maía, do EEI Cobas e mestres e familiares destos centros.

Baixo o lema 'Barouta Móvese pola Paz', o colexio pretende implicar a toda a comunidade nun acto solidario co que se recaudarán recursos para o Banco de Alimentos do Concello de Ames. A iniciativa conta co patrocinio e a colaboración dun total de vinte e dúas organizacións e entidades, tanto públicas coma privadas. A carreira comezará ás 12.00. Durante a mañá, Pedro Nimo e Paula Mayobre participarán nun encontro cos cativos, no que ambos referentes do atletismo galego compartirán un faladoiro con eles para falarlles da importancia do deporte.

Ao rematar a carreira, cada crianza recibirá unha mochila cunha pequena merenda e unha medalla, que o alumnado elaborou durante a semana previa nun obradoiro de cerámica do colexio. Dende o colexio e o Concello animan a achegarse e colaborar con alimentos non perecedoiros e produtos de limpeza e aseo persoal.