El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Feirauto expón máis de 200 vehículos de ocasión en Baio

Cinco talleres participarán nas xornadas de portas abertas do 14 ao 16 de setembro // Ofrecen descontos de ata 1.000 euros

Exposición de vehículos nun dos talleres baieses na edición de Feirauto celebrada no mes de xuño.  - FOTO: J. M. Ramos
Exposición de vehículos nun dos talleres baieses na edición de Feirauto celebrada no mes de xuño. - FOTO: J. M. Ramos

JOSÉ M. RAMOS ZAS   | 12.09.2018 
A- A+

Vinte anos de experiencia e corenta e unha edicións avalan xa a Feirauto, a feira do automóbil de ocasión de Baio (Zas), que xurdiu para achegar ao mercado o amplio e variado stock de coches usados que ofertaban os concensionarios e talleres baieses, e que hoxe é xa todo un referente a nivel autonómico do sector.

Esta fin de semana, do 14 ao 16 de setembro, cinco talleres volven a abrir a súas portas para amosar máis de 200 coches de distintas marcas e modelos, tanto nacionais como de importación, con descontos especiais que poden chegar ata os 1.000 euros, dependendo do vehículo.

Tratase de turismos totalmente revisados, 100% garantizados e que os talleres baieses poñen no mercado cunhas atractivas condicións de compra e coa mellor financiación.

Para comprobalo, os interesados só teñen que achegarse esta fin de semana a Talleres J. Lema, Talleres Manuel Montes, Bayo Móvil, Talleres Graíño e Bayocar, que abrirán as súas portas nun horario especial: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas durante os tres días.

José Rial, xerente de Talleres Graíño, afirma que nesta edición "dividimos a oferta en tres bloques: coches de ata 6.000 euros, de entre 6.000 e 9.000 e de máis de 9.000 €". Sinalou ademais que a evolución de Feirauto nas últimas edicións vén marcada "por unha mellora da oferta en canto a calidade, pois hoxe temos mellores coches e a prezos semellantes aos de anos atrás".

Rial asegura que se trata de vehículos "actualizados, que cumpren con todas as normativas e que hoxe en día pódense mercar a un prezo moi asequible". A oferta segue sendo maioritariamente diésel. A pesar de que existe unha tendencia no mercado de vehículo novo máis tendente a mercar coches de gasolina, o xerente de Talleres Graíño coida que "existe unha desinformación, pois o diésel aínda segue sendo a mellor opción para a xente que fai moitos quilómetros, e aínda que lle poñan un imposto de 5 céntimos por litro, seguirá sendo máis barato que a gasolina, e o consumo é moito menor".

 


FACEBOOK. Coincidindo co vinte aniversario de Feirauto, a Asociación do Automóbil de Baio, organizadora da feira, estreou un perfil en Facebook co fin de crear unha comunidade de seguidores a través da rede e dar a coñecer todas as novidades sobre o evento. O interesados só teñen que buscar na referida rede social "Feirauto Baio".