El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Floreceu en Vedra a Camelia celebrando o 25 aniversario

O túnel dos cinco sentidos foi unha das zonas máis visitadas de todo o recinto // Sorprenderon os usos culinarios desta flor

Imaxe dun dos traballos ornamentais con camelias que se expuxeron onte - FOTO: C.V.
Imaxe dun dos traballos ornamentais con camelias que se expuxeron onte - FOTO: C.V.

C. ESTÉVEZ VEDRA   | 24.02.2020 
A- A+

Vedra celebraba onte unha das edicións máis especiais das Xornadas Arredor da Camelia; a do seu 25 aniversario, e fíxoo cunha nutrida presenza de público e nun día no que o bo tempo acompañou.

As Xornadas gozaron este ano dun forte apoio institucional coa presenza da Conselleira de Medio Ambiente; Ánxeles Vázquez, o Delegado provincial da Xunta de Galicia; Ovidio Rodeiro, e o Director Xeral de Política Lingüística; Valentín García. A Conselleira agradeceu a invitación e puxo en valor o traballo realizado durante todo este tempo : "alguén tiña que comezar este traballo e fíxoo unha muller, non é o mesmo comezar unha promoción hoxe en día que hai 25 anos cando había moitos menos recursos. Grazas a que seguistes co traballo a Xunta poder facer esas rutas da Camelia tan importantes para o turismo nacional e internacional".

O alcalde vedrés, Carlos Martínez, agradeceu a presencia das autoridades e destacou o traballo da pregoeira Esperanza Lema, escritora e pintora, e que foi a impulsora das Xornadas xunto con Maricarmen Nieto, responsable municipal de cultura hai 25 anos e a primeira muller en ostentar unha concellería no municipio.

Esperanza Lema tivo pola súa banda palabras para as mulleres que a acompañaron en estes anos e especialmente para as que a axudaron nas primeiras Xornadas. Lembrou como comezou todo na Casa da Cultura de San Miguel de Sarandón e de que xeito se foron implicando todas as parroquias do concello. Lema tamén lles pediu aos políticos que seguiran apoiando ás Xornadas e á Camelia. Tanto Esperanza Lema como Maricarmen Nieto foron as elixidas nesta edición para recibir os agasallos e placas conmemorativas que cada ano se entregan a persoeiros destacados.

Ademais da mostra, exposición de flores e decoracións feitas con Camelias, (nas que o tema central foi o 25 aniversario) e da actuación da Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla; este ano o Concello organizou o túnel A Camelia cos cinco sentido. Ao longo do percorrido os visitantes viron a camelia doutro xeito, a través dun microscopio; escoitárona nos versos de poetas como Rosalía ou Lorca; tocárano a cegas para descubrir as súas texturas; ulírona nalgunhas das variedades con olor, e saboreárona en marmelada, té ou canapés e pastas feitas a partir dos pétalos da flor.

O túnel, foi onte unha das zonas máis visitadas do recinto. Unha das curiosidados que máis sorprendeu ao público asisitente foron as posibilidades culinarias da planta, que van máis alá do uso tradicional para facer té.

 

 

PREMIOS DO CERTAME DE PINTURA

•••Durante a xornada de onte fíxose entrega dos premios aos gañadores do certame de debuxo infantil da camelia. O xurado reuniuse a pasada semana baixo a presidencia de Diana Varela, concelleira de Cultura. Na categoría de 3 a 6 anos o primeiro posto foi para Valeria Ponte Regos, de 5 anos, e do CPI Antonio Orza Couto. O segundo foi para Carmen Gil e o terceiro para Alba Ferro.

 

•••Na categoría de 9 a 12 venceu Antía Valle, de 8 anos e do CPI de Vedra. En segundo lugar quedou Adriana González e en terceiro, Martina Erea Fernández.

 

••• Na sección de 10 a 12 anos o primeiro posto foi para Brais Otero (12 anos e do CPI Antonio Orza Couto). O 2º para Sara Canseco e o 3º para Daniel Rodríguez.