El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Fomento abre o tramo Arzúa-Lavacolla o próximo venres 24

Mellorará a seguridade vial e reducirá en quince minutos o tempo de percorrido actual pola N-547 // Este treito contou cun orzamento de 138 millóns de euros // Quedan pendentes os que vertebrarán o municipio de Melide

Vista do tramo Arzúa-Lavacolla da A-54, que comezará a funcionar o venres 24. - FOTO: Fomento
Vista do tramo Arzúa-Lavacolla da A-54, que comezará a funcionar o venres 24. - FOTO: Fomento

A. PRADA   | 19.05.2019 
A- A+

O vindeiro venres 24 de maio estará dispoñible o tramo Arzúa-Lavacolla da autovía A-54, entre Lugo e Santiago. O Ministerio de Fomento ultima os traballos que farán posible a posta en servizo desta obra, cuxo presuposto ascende a un total de 138 millóns de euros. Este novo tramo será un importante avance na execución desta infraestrutura que pasa a ter 66 quilómetros en servizo dos seus 96 totais. Mentras, continúan as obras dos dous últimos, cos que se culminará a execución da A-54: os de Palas de Rei-Melide e Melide-Arzúa.

Este novo treito sustituirá funcionalmente á estrada N-547, paralela ao Camiño Francés a Santiago de Compostela, permitindo unha importante mellora da seguridade vial, así como unha redución de 15 minutos respecto ao tempo de recorrido actual pola N-547. Suporá ademais unha gran mellora na seguridade viaria para os peregrinos do Camiño Francés, que teñen actualmente cinco cruces nese punto. Tamén se perfeccionarán coa posta en marcha deste servizo os accesos á capital galega de cara ao próximo ano Xacobeo 2021.

Con 18,5 quilómetros de lonxitude, o tramo iniciarase ao oeste de Arzúa e finaliza en Lavocolla, moi preto do aeroporto compostelán, discurrindo polos termos municipais de Arzúa, O Pino e Santiago. Executáronse xa catro novos enlaces: Salceda, Santa Irene e O Pino (onde a A-54 conecta finalmente coa N-547 a través de estradas de distintas titularidades) e a nova conexión de Lavacolla (onde a A-54 une coas vías N-634 de San Sebastián a Santiago e a N-547 de Lugo a Santiago). No inicio do tramo, ao oeste arzuán, realizouse unha unión provisional do novo treito da A-54 coa N-547 mediante unha nova glorieta situada á altura do p.k 68.

Co obxectivo de garanter a axeitada permeabilidade territorial executáronse as reposicións correspondentes a camiños existentes que foron interceptados pola traza, mediante a execución de oito pasos inferiores e quince superiores. Igualmente resolvéronse dous cruces do Camiño Francés a Santiago co novo deseño da A-54, ao comezo e ao final da obra, mediante pasos a distinto nivel. Realizáronse así mesmo importantes labores medioambientais de hidrosembra en noiros de desmontes e terrapléns, así como plantacións na mediana e nos enlaces por un importe duns dous millóns de euros.

Este traxecto de alta capacidade foi adxudicado no 2009 e afecta especialmente aos municipios de Arzúa e O Pino. Queda así listo este tramo, tal e como xa aseguraba Fomento hai un ano cando se remataron as dúas glorietas. Con todo agora queda agardar polos que vertebrarán Melide, que estarán rematados previsiblemente o vindeiro 2022 segundo a planificación plurianual dos orzamentos xerais do Estado.

{ A OLLADA }

A. Prada

O bo faise agardar

É certo que se demoraron moito as obras da autovía de Lugo. En concreto este tramo, o de Arzúa-Lavacolla, quedaba licitado no 2009 e a previsión e que estivera listo para o 2012. Con todo, a pesar da demora, por fin o treito quedará aberto o vindeiro venres 24 e o alivio de tráfico que traerá sobre a N-547 compensará a espera. O Pino e Arzúa serán os municipios que máis se beneficien destes traballos polo que, dende logo, é unha noticia que recibirán con agrado todos os veciños. Agora aínda queda esperar a que se rematen os tramos de Palas de Rei-Melide e Melide-Arzúa, que quedarían listos no ano 2022. Haberá que ter paciencia.

O PROTAGONISTA

Manuel Taboada

Alcalde do Pino "ALIVIARÁ O TRÁFICO DA N-547"

"Fíxéronse agardar moito estas obras, pero benvidas sexan", exclamou o rexedor do Pino. A posta en marcha deste treito "permitirá aliviar o tráfico da N-547 e os veciños do municipio poderán desprazarse cara Arzúa de forma moito máis fluida", explicou. Manuel Taboadaaproveitou para pedirlle a Fomento que se "arranxen con firme asfáltico as vías paralelas á autovía para frear o uso das estradas locais". E é que, engadiu, "os enlaces que hai no Pino non teñen capacidade, por ancho ou trazado, para soportar tráfico pesado. Tamén demanda que se explique mellor nas sinais horizontais a que concello pertence cada parroquia.