El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Frear a velutina e aumentar o valor da mel: retos da apicultura

Alimentar correctamente as colmeas tendo en conta o cambio climático, entre outros factores, foi un dos temas centrais da xornada abelleira arzuá // Tamén se falou do falcón como medio para acabar coa vespa asiática

Un momento da exposición sobre a vespa velutina nos encontros sobre a apicultura arzuá - FOTO: AGA
Un momento da exposición sobre a vespa velutina nos encontros sobre a apicultura arzuá - FOTO: AGA

ALBA PRADA   | 17.02.2019 
A- A+

Cada ano a Asociación Galega de Apicultura (AGA) organiza en Arzúa unha xornada abelleira que reúne a centos de apicultores de toda Galicia co obxecto de tratar os temas de máis actualidade no sector. Da cita deste ano deduciuse que os asuntos máis acuciantes son as novas prácticas para mellorar a saúde das colmeas e a produción das mesmas, así como as novidades na loita contra a vespa velutina.

Antonio Gómez Pajuelo, experto consultor apícola de Valencia, insistiu na importancia de adaptarse ás condicións de cada panal e avaliar se é preciso ou non alimentar. De excederse con esta práctica "ou utilizar unha alimentación incorrecta" o efecto pode ser negativo para as abellas e a calidade do mel, indicou. Seguindo con este tema, o voceiro de AGA, Suso Asorey, sinalou que "o produto para ser bo ten que vir das flores" e plantexou o dilema de se é realmente necesario alimentar ás colmeas, xa que "en Galicia estos insectos teñen unha flora suficiente na natureza para cubrir as súas necesidades de nutrición durante todo o ano", dixo. "Só en casos concretos de escaseza de reservas sería aconsellable alimentar", asegurou o representante da asociación Suso Asorey.

A loita contra esta praga foi outro dos temas que acaparou a atención dos reunidos. José Manuel Fernández, investigador da Universidade de Alcalá de Henares, presentou un estudo realizado nas zonas do Morrazo e Salnés sobre a relevancia do falcón abelleiro na eliminación da vespa asiática. Segundo indicou, os resultados "apuntan que o 70 por cento da alimentación do falcón provén de vespas grandes, como a asiática ou a autóctona crabro, e parece que está especializando a súa dieta na asiática, posiblemente por ter máis cantidade ao seu alcance". Participou na sesión tamén a investigadora da Universidade de Vigo, Sandra Rojas, cun traballo sobre localización de niños utilizando marcaxe de individuos e trazando as rutas que realizan para alimentarse utilizando cebos, observación de utilidade para estudar as zonas de maior densidade de e cales son as causas desa ubicación. Interviron ademais representantes da plataforma Stop Velutina Galicia e Asturias. A calidade do mel é outra das cuestións que máis preocupa aos apicultores galegos. Antonio Gómez Pajuelo foi o encargado de explicar a composición deste alimento e por que é importante coñecelo ben e poder demostrar as súas características mediante análises de laboratorio.

AGA aproveitou o debate sobre este asunto, que preocupa no ámbito rural, para anunciar a creación dun laboratorio, que estará ubicado en Arzúa nas instalacións do Enredo do Abelleiro, un novo servizo da asociación que comezará a funcionar para o mes de setembro deste ano.

O PROTAGONISTA

Antonio Gómez Consultor apícola "É propio de galicia o de monte"

Gómez Pajuelo indicou que existen diferentes parámetros de laboratorio que indican a calidade do mel "tendo en conta valores como frescura, porcentaxe de humidade, niveis e tipos de azucre ou a presenza e tipo de pole". A IXP Mel de Galicia ten establecidos os criterios para designar os diferentes tipos de mel monofloral: brezo, castiñeiro, silva e eucalipto. Según Pajuelo, esta diferenciación quédase curta pois "sería moito máis interesante distinguir os meles pola paisaxe de onde proveñen". O mel de monte, dixo, sería característico de Galicia e identifica a súa orixe xeográfica "trasladando a idea de que cada mel contén unha paisaxe".

A OLLADA

Velar pola calidade

CO FIN DE VELAR POLA calidade dos nosos produtos apícolas e de informar aos consumidores das súas bondades, AGA organizou un ano máis unha reunión de expertos. Sen dúbida, é de gran valor para todos os que se achegan a poñer sobre a mesa as principais preocupacións do sector. O problema da velutina, que están a vivir moitos concellos da comarca, foi un dos temas centrais. Sempre é de agradecer que expoñan posibles formas de combater esta praga, posto que axudan tanto aos profesionais como aos veciños que atopan un niño preto das súas propiedades. O mel é demandado en Galicia, e por iso, hai que coidalo con este e outro tipo de actividades. Alba Prada