El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Goza do Ulla ofrecerá vinte rutas de maio a novembro

Todos os concellos participantes reuníronse para avanzar na creación dun gran roteiro que terá máis de 250 quilómetros de sendeiros // Arrancará o programa en Monterroso o 5 de maio e finalizará en Rianxo o 2 de novembro

Participantes no roteiro de Padrón organizado na edición de Goza do Ulla do 2018.  - FOTO: ECG
Participantes no roteiro de Padrón organizado na edición de Goza do Ulla do 2018. - FOTO: ECG

ALBA PRADA  | 19.04.2019 
A- A+

Un ano máis arranca unha cita clásica: o programa Goza do Ulla, cuxa etapa inaugural chegará o 5 de maio en Monterroso. Son un total de 20 as rutas que se ofrecerán dende o vindeiro mes e ata novembro para desfrutar ao máximo do río que pon nome á iniciativa. Son vinte os concellos que participarán: Agolada, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Monterroso, Palas de Rei, Dodro, Boqueixón, Vedra, Pontecesures, Valga, Teo, Antas de Ulla, Arzúa, Padrón, Catoira, Santiso, Touro e Rianxo.

O programa comezará en Monterroso (O encanto do Ulla e a Feira do Queixo, o 5 de maio), seguirá en Palas de Rei (Ruta das Torrentes, 18 de maio); Vilagarcía de Arousa (Circular polo Xiabre dende o mirador sobre o Ulla ata o embalse, 25 de maio). Continuará en Dodro, cun itinerario de 19 quilómetros que partirá do Pazo de Lestrobe e por Boqueixón, co Roteiro de Pescadores e Río Grande, o 29 de xuño. Serán algo máis de 9 quilómetros e partirase de Ponte Ledesma. E Vedra, coa Ruta de San Xoán da Cova, o 4 de agosto, que discorre pola marxe dereita do río e aproveita os camiños de paso de sendas de pescadores (Rede Natura), tamén estará.

A segunta cita será en Agolada (O sobreiral do Arnego, 10 de agosto); Pontecesures (Ollando o Ullán, 1 de setembro); Valga (O Val do Ulla, 7 de setembro). O 8 de setembro tocaralle a Teo co destino Do Sesteiro ao Ulla polo camiño dos arrieiros, que une a vía natural do Rego Sestelo coa Ponte Mariola. Sigue Antas de Ulla (Ulloando polo nacemento, 15 de setembro); A Estrada, con Os sons do Ulla, o 21 de setembro, unha aventura de 12 quilómetros que partirá da Ponte de Ximonde. A seguinte será en Arzúa: a da Fervenza das Hortas, o 28 de setembro, un itinerario de 14 quilómetros que vai arrancar do multiusos Terra do Queixo.

A Padrón tocaralle o turno o 5 de outubro co traxecto denominado Polas beiras do Ulla. Continúa Catoira (Ruta de Oeste, 6 de outubro); Silleda (Roteiro Praia de Cira ata Couto do Castro, A Estrada, o 12 de outubro); Santiso (Sendeiro de Beigondo, 19 de outubro). Touro presentará o percorrido De igrexa de Novefontes a Souto do Barco, o 26 de outubro), totalmente lineal e que partirá da igrexa de Novefontes. Tras el a cita está en Vila de Cruces (Ollares-Ponte Basebe, 27 de outubro), e pecha Rianxo con As tres cruces (2 de novembro).

Por certo, que os representantes dos 20 concellos reuníronse a semana pasada en Agolada. A xuntanza serviu para avanzar na creación da Gran Ruta do Ulla, que nacerá coa unión dos roteiros habilitados por cada concello. Terá máis de 250 quilómetros de sendeiros que terán como nexo común o curso fluvial. Os representantes municipais apostaron por seguir avanzando nesta iniciativa, que conta co compromiso de participación da Xunta de Galicia na redacción do proxecto e na súa execución. Para a súa posta en marcha é preciso constituír a que se denominará Asociación Concellos do Ulla. O borrador dos estatutos da asociación está elaborado, e acordouse levar xa a estudo a súa aprobación.