Jueves 17.10.2019 Actualizado 10:01
Google    

El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Henrique Neira recolle hoxe o premio Reimóndez Portela

Obtivo o galardón xornalístico por uns artigos nos que o escritor une de xeito orixinal literatura e tecnoloxía

Henrique Neira co seu libro Historia da informática. - FOTO: ECG
Henrique Neira co seu libro Historia da informática. - FOTO: ECG

S. E.   | 20.09.2019 
A- A+

Persoeiros do panorama sociocultural galego e autoridades danse cita esta tarde na feira da Estrada para asistir á entrega do XXIV Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela. O galardón recaeu, por unanimidade do xurado, en Henrique Neira Pereira, por unha serie de artigos publicados na revista Código Cero e nos que dá unha particular visión sobre aspectos pouco coñecidos de catro grandes escritores galegos: Vicente Risco, Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Flórez e Rosalía de Castro.

O acto será ás 19.00 horas dirixido por Juan Jesús Gestal Otero, médico, profesor e escritor. O premio é de 1.000 €, talla conmemorativa e diploma acreditativo.

Nado en Caracas (Venezuela) en 1973, Henrique Neira licenciouse en 1995 en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 2016 en Comunicación e Xornalismo coa tese Música popular e sociedade no Val do Ulla de 1920 a 1936: unha visión analítica desde a prensa comarcal. Foi redactor no Grupo Correo Gallego durante case 16 anos e posteriormente traballou para Meteogalicia. Desde hai unha década é colaborador da revista Código Cero.

"Tratei de unir dun xeito orixinal a literatura coa tecnoloxía... Frecuentemente non nos decatamos de que escritores ben coñecidos da cultura galega tiñan boa información sobre o uso de tecnoloxías punteiras para o seu tempo e que tiñan curiosidade por empregalas ou por imaxinar que poderían dar de si no futuro", explica Neira dos artigos. Considera "unha honra" que lle outorgasen o Reimóndez Portela, "xa que orixinalmente premiaban artigos relacionados coa lectura, polo que me pareceu oportuno rescatar un tema orixinal".