El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Historias da escola rural do século XX en Bergantiños e Soneira nun documental

'Buenosdíastengausté' recolle as testemuñas de medio cento de protagonistas en tres anos de faladoiros con Senda Nova

Directivos de Senda Nova e algúns dos protagonistas do documental ‘Buenosdíastengausté’ - FOTO: Senda Nova
Directivos de Senda Nova e algúns dos protagonistas do documental ‘Buenosdíastengausté’ - FOTO: Senda Nova

JOSÉ M. RAMOS CARBALLO  | 24.05.2019 
A- A+

Cun "buenos días tenga usté" entraban nas aulas os alumnos e alumnas das escolas rurais a mediados do século XX. Un saúdo que agora da título a un documental elaborado pola asociación Senda Nova coas testetmuñas de máis de medio centos de persoas que viviron aqueles tempos en 21 parroquias das comarcas de Bergantiños e Soneira.

Un audiovisual que foi presentado con gran éxito no Espazo da Natureza de Oza (Carballo) e que está baseado nos faladoiros de tres anos do programa Historias de Inverno.

A través das lembranzas dos protagonistas Buenosdíastengausté puxo enriba da mesa "sobre todo, a dureza" daquela época, aseguran dende Senda Nova. Pon de manifesto, engaden, "a rudeza dos castigos e a penosidade das condicións escolares durante a posguerra". Todo elo en 50 minutos de percorrido por verbas e imaxes recollidas dende Montemaior (A Laracha) ata Carnés (Vimianzo) e dende Cerqueda (Malpica) a Loroño (Zas).

Os narradores describen tamén nas súas intervencións os útiles escolares, as condicións dos edificios, as metodoloxías, os libros e mesmo as conductas do profesorado.

Experiencias que moitos dos protagonistas do documental compartiron no acto de presentación coas máis de 60 persoas que asistiron ao mesmo. "Foi emotiva a presenza de mestras actuais, ás que se uniron persoas ligadas á asociación e público en xeral", afirman dende o colectivo ambiental.

PRIMAVERA EN RUTA. En paralelo, Senda Nova segue a percorrer camiños nunha nova edición da Primavera en Ruta. A última andaina levounos ata terras de Trazo para descubrir a forza do río Chonia. Visitaron o Pazo de Vilacova, a capela do Carme da Ermida e o castro de Lestrove, dende onde divisaron "as desfeitas das pistas" construidas coas concentracións parcelarias, e que acabaron coa maxia dos vellos camiños.