El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Iago Toba: "Muxía ten que ser un concello de oportunidades"

O candidato do PSOE asume o reto de relevar a Félix Porto "con moita ilusión" // Leva a política dentro dende moi novo

Iago Toba, candidato do PSOE a alcaldía de Muxía nas vindeiras municipais - FOTO: ECG
Iago Toba, candidato do PSOE a alcaldía de Muxía nas vindeiras municipais - FOTO: ECG

JOSÉ M. RAMOS MUXÍA   | 07.12.2018 
A- A+

A incógnita que se mantiña en Muxía sobre quén sería o candidato do PSOE ás próximas eleccións municipais xa foi despexada. Será Iago Toba, o actual concelleiro de Xuventude e Deportes, de 31 anos, arquitecto técnico e profesor de Matemáticas. A política sempre foi unha das súas paixóns e "de feito, desde moi noviño xa comecei a colaborar co PSOE".

Por diante ten o reto de relevar a Félix Porto quen, hai xa varios meses, anunciara que deixará a política activa ao remate desta lexislatura, despois de exercer como alcalde de Muxía nos últimos doce anos. Iago Toba asume "con moitísima ilusión" a encomenda dos seus compañeiros de partido, aos que agradece a confianza que depositaron na súa persoa.

Toba ten claro que "o proxecto emprendido por Félix Porto está vixente e ten futuro". Asegura que "se fixo unha gran labor, as bases están sentadas, e agora toca darlle continuidade e un impulso novo". Ten claras as líneas do proxecto que presentará aos seus veciños para tratar de tomar o relevo no primeiro sillón municipal, e afirma que o reto e "facer que se vexa a Muxía como un concello que ofrece oportunidades".

Unha mensaxe que está especialmente dirixida aos máis novos "pois son consciente, pola miña idade, de que os xoves están faltos de oportunidades, e por iso as accións deben ir encamiñadas a favorecer que a xente nova se quede aquí". Iago Toba entende, non obstante, que para iso "é necesario tamén botar man da xente maior, e iso esixe melloras en servizos sociais".

Entende que hai que seguir traballando, na medida do posible dende a administración local, por manter e potenciar o sector primario, que en Muxía ten un peso importante no tocante á pesca, o marisqueo e a agrogandeiría, pero ten claro que un dos eixos de futuro debe estar enfocado ao turismo.

Muxía xa é hoxe un referente no sector turístico da Costa da Morte, e verá reforzado ese protagonismo coa futura apertura do Parador de Turismo, que se está a construir en Lourido e que, se se cumpren as previsións, estará rematado no vindeiro ano.

Iago Toba considera que este sector, complementado co gran potencial do Camiño, deben actuar como foco de atracción de novas inversións e proxectos de dinamización para Muxía, e servir para xerar riqueza e emprego no concello.

Ideas que trasladará ao proxecto co que o PSOE tentará renovar a confianza que lle deron os veciños nos últimos doce anos. Iago Toba asegura sentirse arroupado e moi apoiado "polos compañeiros do grupo municipal socialista e do partido, e por iso teño moitas ganas e ilusión".