Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Inauguran unha mostra de Rianxo no Museo do Pobo

É un traballo sobre os elementos do patrimonio etnográfico e histórico realizado polo CEIP Ana María Diéguez de Asados

O Museo do Pobo Galego acollerá hoxe, ás 12.00 horas, a inauguración e exposición pública dos proxectos educativos gañadores na XI edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas. Unha mostra que estará formada polo traballo do CEIP Ana María Diéguez de Asados, de Rianxo.

O centro foi premiado nesta edición pola modalidade de ensino primario. A súa investigación foi presentada baixo o título de Pintando o patrimonio, definimos a nosa identidade e destacou pola divulgación dos elementos do patrimonio etnográfico e histórico da súa contorna. Ademais, culminou na realización colectiva dun mural para referencia da comunidade local.

Na categoría de ensino secundario, o proxecto seleccionado foi o titulado Iconografía sacra e profana no concello de Silleda do CPR María Inmaculada de Silleda, que sobresaíu por favorecer as estratexias de investigación e divulgación que permitiron o coñecemento de manifestacións artísticas na súa zona.

Este evento, promovido pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas e a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, contará coa presenza de Justo Beramendi, presidente do padroado do museo e de dita fundación, e do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García. A exposición poderase ver dende hoxe e ata o vindeiro 30 de novembro.

Destacar que esta fundación busca lembrar a través da organización deste proxecto didáctico á figura do eminente pedagogo que fora primeiro director do Museo do Pobo Galego. Faino premiando á comunidade escolar polos seus esforzos cara a educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valoración dos máis diversos elementos do acervo cultural, que os centros participantes realizan a través de traballos de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico.

25 oct 2019 / 21:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito