El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Innovación e tecnoloxía nas empresas lalinenses

Co obxectivo de impulsar os negocios da comarca do Deza, a Consellería de Economía ten en marcha varias liñas de axuda

Conde, onte con Lamas, presidente da Asociación de Empresarias do Deza - FOTO: Sangiao
Conde, onte con Lamas, presidente da Asociación de Empresarias do Deza - FOTO: Sangiao

A. PRADA LALÍN   | 12.02.2019 
A- A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, continuou onte en Lalín a rolda de contactos que está a levar a cabo por toda Galicia para expoñer ao tecido empresarial as liñas de axuda que a Xunta pon a súa disposición para mellorar os negocios do Deza e a súa competitividade.

Na xuntanza, e tras agradecer a colaboración da Asociación de Empresarios do Deza (Aedeza), con máis de 25 anos de traxectoria e que agrupa máis de 340 empresarios e autónomos da comarca, sinalou que a Xunta está apostando "polo reforzo da innovación e da tecnoloxía dixital das empresas a través de tres liñas de axuda autonómicas" que xa están abertas e que mobilizarán cincuenta millóns de euros.

O conselleiro referiuse ao programa de dixitalización do Igape, que mobilizará máis de 13 millóns de euros a través dun orzamento de cinco; á terceira convocatoria da fábrica intelixente, que botou a andar o pasado venres e que ten un presuposto de 31,3 millóns en proxectos de innovación en pequenas e medianas empresas; e á iniciativa Innova Peme, que mobilizará 5,6 millóns para apoiar ata 70 plans de I+D+i.

Conde tamén puxo en valor a Lei de implantación empresarial para facilitar ao máximo a actividade das empresas a través da simplificación administrativa e con bonificacións fiscais que se amplían no caso de que as compañías estean asentadas nun Concello Emprendedor.

Outras axudas que xa se convocaron e ás que se referiu o conselleiro son as Unidades Formativas nas Empresas, apoios para a contratación indefinida de persoas asalariadas por parte de autónomos, para impulsar o inicio de actividade entre os traballadores por conta propia e para a consolidación de pemes de nova creación e de base tecnolóxica. O programa Galicia Inviste busca apoiar a 140 novas pemes. A idea é "que ningún autónomo, empresa e emprendedor teña que renunciar aos seus plans por falta de apoio", indicou Conde.

REFORMA TUR

A Xunta convocou unha nova iniciativa, a Reforma TUR 2019, para axudar a 500 establecementos hoteleiros a facer investimentos de cara a mellorar os seus servizos para o Xacobeo 2021 e modernizar así o pequeno comercio.