El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Instan á Deputación a podar as árbores da DP-1913 ao seu paso pola vila da Laracha

A follaxe está alcanzando as fachadas das vivendas, ocultan a sinalización e dificultan a circulación

MANUEL RAMOS   | 14.08.2019 
A- A+

A Laracha. O Concello larachés insta á Deputación da Coruña a acometer os traballos de poda e mantemento das árbores que flanquean a estrada DP-1913 nos seus tramos urbanos ao paso polo casco urbano da Laracha (avenidas de Caión e Doutor López Astray), e tamén no núcleo de A Cheda ata o lugar de Os Muíños, xa na parroquia de Coiro.

Denuncian que este ano a Deputación non incluíu ditos traballos no plan de mantemento e conservación das vías provinciais, "e iso supón que na actualidade as polas e follas invadan parte das beirarrúas e da calzada, coas molestias que iso xera aos residentes na zona, aos peóns e aos vehículos que circulan por este lugar".

Aseguran ademais que a follaxe das árbores está a chegar ás fachadas dos edificios próximos á estrada, oculta parte da sinalización viaria "e mesmo obriga aos vehículos de gran tamaño (autobuses e camións) a circular polo centro da calzada invadindo parte do carril contrario, xa que é unha vía de dobre sentido, pero é estreita".

Despois de solicitar verbalmente "en reiteradas ocasións" que se acometesen os traballos, o pasado día 5 de xuño o Concello da Laracha remitiu un escrito ao servizo de Vías e Obras da Deputación explicándolle a situación e reclamando que se tomasen as medidas oportunas "para solucionala por motivos de seguridade viaria". Non obstante, aseguran, "a día de hoxe, máis de dous meses despois, non se respondeu ese escrito nin se acometeron os traballos solicitados", polo que lamenta a "desatención".