El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Íntegro da apoio a trinta e seis mulleres en situación de especial vulnerabilidade

Ofrécenlle servizos de mediación familiar e orientación laboral // Fixeron un curso de creación de perfís en webs de emprego

Participantes no curso de creación de perfís en webs de emprego coa directora do centro, Noelia Barreira - FOTO: Íntegro
Participantes no curso de creación de perfís en webs de emprego coa directora do centro, Noelia Barreira - FOTO: Íntegro

JOSÉ M. RAMOS CABANA   | 09.10.2019 
A- A+

Trinta e seis mulleres en situación de especial vulnerabilidade beneficiáronse dende 2018 do servizo de mediación familiar e de apoio e orientación laboral posto en marcha hai xa catro anos pola Asociación Íntegro, no marco do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural), cofinanciado polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Moitas delas formaron parte tamén dun extenso programa formativo, no que se impartiron cursos relacionados coa procura de emprego a través do teléfono móbil, formación básica en prevención de riscos laborais e confección de currículos e cartas de presentación.

No pasado mes de setembro puxeron en marcha un curso de creación de perfís en webs de emprego, "coa finalidade de mellorar a formación das participantes de cara a aumentar a súa empregabilidade ata lograr a plena integración socio-laboral", aseguran dende Íntegro.

No período 2018-2019 levaron a cabo tamén numerosas accións de acompañamento na busca de emprego, promoción do emprendemento e prospección do mercado de traballo, intermediación e tutorización laboral e profesional logrando catro insercións laborais, "unha cifra moi positiva tendo en conta a triple discriminación que padece o colectivo de mulleres con diversidade funcional no rural".

Ademais das sesións teóricas, engaden, as participantes tiveron a oportunidade de achegarse á realidade actual dalgunhas das empresas máis importantes e punteiras de Galicia, "como é o caso de Aluman, Inditex e Cerdeimar, entre outras". Nos vindeiros meses teñen previsto continuar con este ciclo de visitas para adquirir novos itinerarios de inserción profesional.

O Punto de Intervención para Mulleres foi creado para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuir a discriminación na que se atopa o colectivo feminino en situación de especial vulnerabilidade. A formación é clave para dotar a estas mulleres do rural dunha maior autonomía e independencia.