El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Invernía levará ao Festival de Lorient o son das gaitas

Creada no 2018, a banda foi fundada entre Santiago, Dumbría Vedra e A Estrada // Ten 40 compoñentes de todas as idades

Concerto presentación de Invernía na casa da cultura de Olveira-Dumría - FOTO: ECG
Concerto presentación de Invernía na casa da cultura de Olveira-Dumría - FOTO: ECG

JOSÉ M. RAMOS   | 20.05.2019 
A- A+

A banda de gaitas Invernía fixo unha parada no auditorio de Olveira (Dumbría) no marco da xira de concertos de presentación que está a levar a cabo en varias vilas galegas, previos a súa participación no Festival Intercéltico de Lorient (Francia) do 2 ao 11 de agosto.

Esta agrupación é froito dun proxecto nacido no 2018 a medio camiño entre Santiago, Dumbría, Vedra e A Estrada, e conta cuns corenta compoñentes de todas as idades. O seu obxectivo é poñer en común o traballo das escolas de música tradicional dos devanditos concellos baixo a dirección dos mestres Ramón Maril, Marcos Varela e Noelia Bouzón.

Ademais da banda de gaitas, Invernía conta tamén cun grupo de pandereteiras, bautizadas como Folerpas de Invernía, conformado polas propias percusionistas e gaiteiras que forman parte do proxecto.

O nome foi idea dun dos seus impulsores, Marcos Varela, quen asegura que "primeiramente é un nome con moita musicalidade; ademais o inverno é algo moi galego, unha característica moi importante do noso país, ao igual que a gaita é un elemento moi representantivo da nosa cultura". Di, asemade, que a herdanza musical "é a que temos grazas tamén en parte ás nosas condicións climáticas, xa que a climatoloxía deixa marca na cultura". A maiores, Invernía é o título dunha peza interpretada polo grupo Milladoiro, "así que tamén serve para facerlle unha pequena homenaxe a este e a tódolos colectivos que levan anos e anos mantendo viva a nosa tradición".

Contan cunha identidade gráfica deseñada por Rosa de Cabanas, inspirada no propio nome da banda e nas súas evocacións: ventos, néboa, nubes; no son da música e tamén na estrutura da formación, composta por catro grupos coas súas respectivas traxectorias e cuxos camiños se xuntan nun proxecto común.

A pesares da súa corta vida, Invernía goza xa de intensa actividade, tendo participado en diferentes foliadas e seráns tradicionais (Fía de Baile e Pandeireta de Trazo, Foliada "Fervenza de Músicas" de Ouzande). Máis recentemente actuaron como grupo convidado na presentación do disco FA da gaiteira Susana Seivane no Teatro Principal do Concello da Estrada.

O domingo, día 26, estarán no Teatro Principal de Santiago; o 2 de xuño no da Estrada e o 22 de xuño no Xesteiraso Folk.

AGRADECEMENTOS

Apoios notables A banda Invernía quere agradecer todo o que levan acadado en tan pouco tempo de vida a aqueles que colaboran co seu proxecto, como Pablo Seoane, da Delegación Galega do Festival de Lorient; os concellos de Dumbría, Santiago e A Estrada; as asociacións Fonte Santa de Buxantes; Pana Raiada de Santiago e A Fervenza de Ouzande; e a Rosa Herraiz e Xabier Camba.