Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

José Carou recibiu o premio Modesto R. Figueiredo

Bibiana García Soto e Miguel Anxo Martínez Oubiña foron distinguidos con un accésit // Mazaricos acolleu a gala no auditorio da súa casa da cultura // Exerceu como mantedor do acto o académico Manuel González

O auditorio da Casa da Cultura de Mazaricos acolleu a entrega de premios da XLIV edición dos premios de relato curto Modesto Rodríguez Figueiredo. Abriu o acto o músico Xoán Curiel e, a continuación, o alcalde da vila, Juan José Blanco Riveiro alertou do perigo da "homologación cultural" e recetou, para contrarrestala a "acción social organizada para manter a nosa idiosincrasia", ó tempo que lembrau ao propio Modesto Rodríguez Figueiredo, vicepresidente da Fundación Pedrón de Ouro e que, en 1976, no acto de entrega dos premios "caeu debruzado e finou tras pronunciar con moita paixón un poema de Cabanillas".

O mantedor do acto, académico e fillo predilecto do Concello, Manuel González González pronunciou un sentido discurso enlazando as cualidades de Mazaricos coas do premio: "Ningún sitio máis acaído para a entrega deste premio, o máis enraizado en Galicia, que o Concello de Mazaricos, berce de galeguidade ata os miolos, cunha personalidade conformada ano a ano, século a século, desde tempos ben recuados na historia". González tamén recordou a todas as personaxes que pareu Mazaricos, desde Tania Fuegho a Ismael Ramos, pasando polo seu compañeiro de infancia, o escritor Silvestre Gómez, que formou parte do xurado desta edición.

Tras a lectura da acta por parte do secretario da Fundación, David Otero, procedeuse á entrega dos premios. Así, Miguel Anxo Martínez Oubiña e Bibiana García Soto, conseguiron os dous accésits, dotados de 400 euros polas obras Serpes e A liberación tras a escuridade. O gañador, José Carou, recibiu o primeiro premio, cunha dotación de 1.000 euros pola obra titulada Afán e infortunio dos días estragados. O autor afirmou sentirse "máis profesor de filosofía que escritor" se ben ambas cousas "resultan plenas".

O Premio Modesto R. Figueiredo é o nome que recibe o Certame Nacional de Narracións Breves convocado pola Fundación do Padroado Pedrón de Ouro desde 1975 para textos en lingua galega dun máximo de trinta páxinas.

Outorgouse por vez primeira en 1975 co nome de Concurso de Narracións Curtas Pedrón de Ouro pero a morte de Modesto Rodríguez Figueiredo vicepresidente do Pedrón de Ouro motivou que o premio adoptase o seu nome desde 1977.

O Premio é un dos máis importantes do panorama literario galego que nas dúas primeiras edicións da convocatoria (1975 - 1976) galardonou a destacados escritores como Xoán Ignacio Taibo, Xavier Alcalá, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xavier Rodríguez Barrio, Xosé Manuel Martínez Oca e Carlos Durán. Posteriormente serviu para dar a coñecer a autores que contribuíron á renovación da literatura galega como Carlos G. Reigosa, Antón Cortizas ou Ramiro Fonte, pero entre a súa nómina de premiados tamén figuran Víctor Freixanes, Miguel Anxo Fernán Vello, Miguel Suárez Abel, Darío Xohán Cabana, Alfonso Álvarez Cáccamo, Xelís de Toro, Xosé Cermeño, Helena Villar Janeiro, Inma López Silva, Luis González Tosar, Rosa Aneiros, Antón Lopo, Luisa Villalta, Lino Braxe ou Francisco L­ópez Barxas.

28 ene 2019 / 21:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito